
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participaba na mañá deste xoves 17 de setembro, na presentación de “A Lacena Pequena”, unha das iniciativas apoiadas polo programa “O Teu Xacobeo 2026” que converterá o Camiño de Inverno nun escenario cultural itinerante para achegar a creación contemporánea, a gastronomía e as artes escénicas a seis municipios do rural galego.
Impulsado pola productora Ainé, proxecto liderado polo actor Xosé A. Touriñán, e o estudo de arquitectura E-Ló, a iniciativa toma como punto de partida a lacena entendida como “lugar no que se gardan e comparten alimentos, lembranzas e saberes”. Neste caso, a proposta emprega para crear ese espazo físico un contedor marítimo que tamén almacena e comparte o patrimonio inmaterial do Camiño, achegándoo a peregrinos e poboación local.
No interior deste contedor cultural convivirán propostas moi diferentes: concertos, monólogos, teatro curto, narración oral, exposicións, obradoiros, encontros ou experiencias gastronómicas. En canto ás temáticas, o patrimonio local, as historias das persoas, os produtos de proximidade e o talento galego terán un papel central con propostas deseñadas específicamente para cada territorio.

Durante a presentación, Marcos Gómez Román salientou que proxectos como este demostran que “o Xacobeo tamén simboliza innovación a partir da tradición reinterpretando nun contedor marítimo reciclado un novo espazo cultural itinerante que levará polo territorio os valores de hospitalidade, encontro e identidade que definen o Camiño de Santiago”.
Programación
Un dos principais elementos diferenciadores do proxecto é a súa aposta polo talento emerxente galego. A programación incorpora novos creadores e artistas e plantexa o patrimonio xacobeo como fonte de inspiración para novas formas de expresión.
En canto aos formatos, “A Lacena Pequena” contempla pequenos concertos acústicos en formato Tiny Desk (popularizados pola radio pública estadounidense), intervencións de artes escénicas e monólogos, unha exposición fotográfica centrada na paisaxes e as persoas do Camiño de Inverno e degustacións de produtos de proximidade, como viños da Ribeira Sacra e queixos locais.

Segundo subliñou o comisario do Xacobeo 2027, “A Lacena Pequena” representa “un dos grandes obxectivos de “O Teu Xacobeo”: descentralizar a programación cultural e poñer o foco en rutas menos masificadas como o Camiño de Inverno, levando creación artística de calidade a pequenos concellos rurais e dando visibilidade a unha das rutas xacobeas con maior potencial de dinamización territorial”.
A iniciativa, que estará en Vedra ata o sábado 19 de setembro, forma parte dos 55 proxectos apoiados pola Xunta de Galicia na convocatoria 2026 de O Teu Xacobeo, dotada cun investimento de 1 millón de euros, destinada a impulsar iniciativas culturais, artísticas, patrimoniais, sociais, deportivas e dixitais promovidas por entidades e profesionais de toda Galicia como antesala do Xacobeo 2027.