ConcellosÚltima horaViana do Bolo

A CHMS finaliza a canle provisional proxectada para o núcleo da Bouza (Viana do Bolo)

“Esta actuación provisional de prevención, é previa ás obras de canalización definitivas que a CHMS executará en rego da Canela, zona moi afectada polas choivas torrenciais do pasado xuño”, segundo o presidente do organismo de conca

Imaxe cedida.

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), vén de manter unha reunión co persoal técnico do organismo de conca para valorar os traballos xa executados nas distintas zonas do concello de Viana do Bolo, afectadas polas intensas choivas do pasado xuño, entre os que destacan a retirada de madeira e lodos das canles, así como, a construción dunha canle provisional na Bouza.

“Esta actuación provisional é previa ás obras de canalización definitivas que a CHMS executará en rego da Canela, zona moi afectada polas choivas torrenciais do pasado xuño”, tal e como explicaba o presidente. “Hoxe por hoxe o proxecto de canalización de máis de 160 metros do regago que cruza a Bouza, atópase en redacción e as obras estímase que comecen en mes e medio” engadiu

Outras actuacións en curso e previstas

A CHMS sinala que continúa traballando en distintas zonas do municipio de Viana do Bolo, na retirada de entullos, residuos e restos forestais e en traballos de conservación e mellora do DPH; tamén en breve comezará a reconstrución dun dique en Pradocabalos, e construirá 4 tanques de auga contraincendios, que se situarán de acordo co criterio do Concello e das comunidades de montes. “Traballos que forman parte do conxunto de accións previstas en Viana do Bolo para evitar desbordamentos, colapsos e para paliar a problemática sufrida”, engadía Quiroga.

“Desde o Goberno de España demostramos o noso firme compromiso de colaboración cos concellos que solicitan a nosa axuda, proxectando actuacións que, dentro das nosas competencias, axuden a preservar a integridade e os bens da cidadanía e que, ademais, redunden en beneficio do medio ambiente e do desenvolvemento sostible”, concluía Quiroga.

Back to top button