O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reafirmaba o compromiso da institución provincial co Liceo de Ourense no transcurso dunha visita ás súas instalacións, destacando o valor desta institución como “unha das entidades máis emblemáticas da cultura ourensá”. Un compromiso con esta entidade “que se vén materializando desde o 2021 cun investimento de máis de 460.000 euros en achegas destinadas a melloras da súa sede como ao respaldo da súa intensa axenda social e cultural”, aseguran dende a Deputación.
Durante o percorrido, o presidente provincial puxo de manifesto a importancia de apoiar a unha institución que “mantén intacta a súa vocación de servizo á cidadanía, consolidándose como un punto de encontro, diálogo e convivencia para miles de ourensáns”. Neste sentido, Menor dixo que o Liceo representa “un exemplo perfecto de como unha entidade histórica sabe proxectarse cara ao futuro permanecendo aberta e activa para toda a sociedade”.

A colaboración financeira mantida nestes últimos anos permitiu destinar máis de 255.000 euros a actuacións de conservación, rehabilitación e mellora do inmoble, protexendo un espazo de referencia na cidade. Grazas a estes recursos, leváronse a cabo proxectos fundamentais como a rehabilitación do claustro da segunda planta -espazo habitual de exposicións-, o acondicionamento da Sala de Tertulia ou o mantemento da carpintería exterior. A isto “súmanse máis de 209.000 euros dirixidos a sufragar os gastos de funcionamento ordinario e a dinamización cultural, asegurando a estabilidade e continuidade do traballo que desenvolve a entidade ano a ano”, engaden dende a Deputación.
Menor aproveitou a visita para felicitar ao presidente da entidade e a súa xunta directiva e a todo o equipo humano do Liceo pola súa “dedicación e xestión que permiten manter esta emblemática institución coma un referente vivo e imprescindible para Ourense”.