O Parador de Santo Estevo acollía, na mañá deste xoves 17 de setembro, a presentación da VI edición da Ribeira Sacra Cycling Road, unha marcha cicloturista de carácter non competitivo que se disputará o vindeiro domingo 20 de setembro, con saída ás 9:30 horas desde a localidade de Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín.
O acto contou coa participación do presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Julio Temes e Raúl Soto; o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles; o director técnico da proba, Serafín Martínez; e o sarxento 1º da Garda Civil de Ourense, Francisco Javier Cabrera Morales.

Este evento deportivo “converteuse nunha oportunidade clave para dar visibilidade a Ourense, impulsando a promoción do patrimonio natural e cultural da zona, a súa gastronomía e a súa oferta enoturística entre os visitantes e acompañantes”, aseguran dende a Deputación.
Pola súa banda o director de Turismo de Galicia lembra que esta cita deportiva constitúe “unha iniciativa de gran interese turístico, ao vincular o turismo activo coa promoción dun destino rural de elevado valor paisaxístico, cultural, gastronómico e vitivinícola”. Merelles tamén destaca o compoñente de desestacionalización da demanda turística, ao celebrarse durante o mes de setembro.

Nesta sexta edición, a proba consolida o seu crecemento cun aumento do 25 % na participación con respecto ao ano anterior, superando os 300 ciclistas inscritos procedentes de 18 provincias españolas, tales como Madrid, Barcelona, Asturias, León, Sevilla ou Valencia. Este éxito de convocatoria reflicte o crecente interese e o gran atractivo que a Ribeira Sacra xera fóra de Galicia.
A proba ofrecerá dous percorridos adaptados a diferentes niveis: un gran fondo que é unha ruta máis esixente de 110 quilómetros cun desnivel positivo acumulado de aproximadamente 2.400 metros; e o medio / mini fondo de 90 km de traxecto cun desnivel positivo de arredor de 1.800 metros.
A iniciativa é posible grazas ao convenio asinado entre Turismo de Galicia e o Inorde para a promoción e dinamización turística na provincia de Ourense.
