
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde a inauguración de Terra do Anel. Unha viaxe entre reinos, unha das apostas máis ambiciosas da 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival. O acto, celebrado na porta lateral do recinto, incluíu a interpretación musical en directo dunha peza da banda sonora orixinal de El Señor de los Anillos a cargo da artista María Mendoza xunto a varios actores caracterizados.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou que Terra do Anel «representa moi ben a maneira na que entendemos a cultura desde a Deputación: unha cultura de calidade, aberta e participativa, pero tamén ambiciosa, capaz de sorprender, atraer novos públicos e situar Ourense como un territorio creativo e cinematográfico». Menor salientou que iniciativas como esta «crean actividade, atraen visitantes, xeran riqueza e contribúen a reforzar a imaxe e a proxección exterior da provincia».
Neste sentido, o presidente provincial subliñou tamén que a exposición exemplifica a aposta por «un OUFF que non se limite aos días de celebración do festival, senón que sexa unha marca cultural viva durante todo o ano». «Queremos un OUFF máis grande, máis presente e máis conectado coa provincia, capaz de xerar experiencias arredor do cinema e, ao mesmo tempo, facer que quen veña atraído por elas descubra tamén Ourense», concluíu.

Un acto institucional e un percorrido inaugurativo
O evento tivo como mestre de ceremonias a Marcos Vázquez, director da área de Cultura da Deputación e director técnico do OUFF, quen deu a benvida aos asistentes e contextualizou o traballo organizativo para traer este proxecto a Ourense.
A continuación, a representante de Júpiter Juegos Ourense, Alba Polo, avanzou a posta en marcha das visitas guiadas gratuítas durante os días do festival, destacando que contan con moitas sorpresas preparadas para conseguir que calquera persoa que acuda «se namore por completo do universo de El Señor de los Anillos».
Pola súa banda, o comisario da exposición, Alberto Domingo, explicou que a mostra conmemora o 25º aniversario da estrea en cines de La Comunidad del Anillo en 2001 e salientou que a exhibición reúne «pezas a escala real, estatuas de calidade museo e toda a armaría orixinal da triloxía nunha das coleccións privadas máis importantes que se poden contemplar actualmente en Europa».
Pechando as intervencións da organización, o director do OUFF, Óscar Doviso, amosouse moi satisfeito por acoller unha exposición que rende homenaxe «a unha saga que marcou o camiño a seguir para moitas producións posteriores e que o tempo puxo no seu lugar». Doviso subliñou ademais que se trata dunda experiencia desfrutábel «tanto polo público infantil como polo adulto», representando «unha forma diferente e atractiva de achegarse á programación dun festival no que todo o mundo ten o seu oco».
Finalmente, unha nova interpretación musical deu paso a un percorrido inaugurativo pola mostra dirixido polo comisario, Alberto Domingo, no que os asistentes puideron apreciar os detalles e pezas máis destacadas da colección.

Unha viaxe extraordinaria pola obra de Tolkien
Co gallo do 25º aniversario da estrea nos cines da saga cinematográfica de El Señor de los Anillos, a mostra —que estará no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 1 de novembro— propón un fascinante itinerario polos pobos, personaxes e lugares máis emblemáticos da Terra Media. O público poderá contemplar de preto figuras a tamaño real, esculturas de gran formato, réplicas oficiais de armas e obxectos procedentes de coleccións privadas e dos fabricantes de coleccionismo fantástico máis prestixiosos do mundo. A experiencia complétase, ademais, con visitas guiadas especializadas a cargo de Júpiter Juegos Ourense para as que se poderá reservar oco durante a semana do festival.
