OurenseÚltima hora

Cinco persoas feridas nunha colisión múltiple en Toén

 

Na mañá deste venres 18 de setembro cinco persoas resultaban feridas a causa dunha colisión múltiple en Toén. Tal como informan dende o 112 Galicia, o choque producíase pouco antes das 9 horas nos carrís en sentido Benavente da A-52, ao paso polo concello ourensán.

“Un total de sete vehículos bateron en cadea cun resultado de cinco persoas feridas, que precisaron ser trasladadas ao Hospital de Ourense”, puntualizan dende o 112 Galicia que recibía diversos avisos por este mesmo accidente, que deixou bloqueada a circulación ata a chegada dos axentes da Garda Civil de Tráfico para organizar os pasos alternativos.

“Malia que acudiron os Bombeiros do Carballiño, ningún dos feridos necesitou a súa axuda para saír dos vehículos: todas as persoas afectadas estaban liberadas e accesibles”, din dende o 112, engadindo que segundo explicaron os efectivos do parque comarcal, “entre os evacuados había dúas persoas menores de idade, aínda que, como apuntaron os axentes de seguridade, ningún caso revestía gravidade”.

Ademais de bombeiros, sanitarios e recursos de seguridade, desde o 112 Galicia, avisaban aos membros do GES de Ribadavia e aos voluntarios de Protección Civil de Toén.

Back to top button