
Un ano máis, Allariz pon en marcha unha das súas citas culinarias máis agardadas. As XV Xornadas de Carne de Boi arrancarán o vindeiro 25 de setembro e prolongaranse ata o 12 de outubro coa implicación dos establecementos hostaleiros e o obxectivo de “darlle vida á economía de Allariz, potenciar os recursos propios e premiar o apoio constante de veciños, veciñas e visitantes”.
Durante este período, poderemos degustar as tapas elaboradas para o concurso a un prezo popular de 3 euros en A Micalla, A Taberna do Milo, Café Tapería A Muralla, Fio de Liño, Bule Bule, Pepiño de Allariz, Que Quilombo Güey, Fogar dos Maiores, Casa Pepiña, A Tenda do Pepiño, Roi Xordo, Xeado o Avó, Cafetería Camping, O Xardín, Casa Zirall, Adega Tapas e O Patio da Lombarda.
Este recoñecemento á “Mellor Tapa 2026” decidirao directamente o público a través da votación popular. Como gran novidade nesta decimoquinta edición, a programación contará tamén cun xurado profesional que valorará as propostas e emitirá o seu propio veredicto para premiar a mellor tapa.
Distintivos numerados e participación en redes
Como unha das grandes atraccións e novidades estrela deste ano, cada chuletón de boi que se venda durante as xornadas contará cun distintivo especial numerado segundo as unidades despachadas. Dende a organización convídanse a todas as persoas comensais a compartir a súa experiencia e o número do seu chuletón nas redes sociais etiquetando ao concello, facendo así que a veciñanza e os visitantes sexan partícipes directos desta edición especial.
A oferta gastronómica complétase tamén con menús e pratos especiais de carne de boi dispoñibles en Acea da Costa, Bule Bule, Pepiño de Allariz, Casa Rural Vilaboa, Casa Pepiña, Orraca, Bodegón Portovello, Roi Xordo, Fogar do Santiso, Adega Tapas e Cafetería Camping (destacando que algúns destes locais combinan ambas opcións ao contar tamén con tapa a concurso).
Degustacións gratuítas no Mercado
Como complemento ás xornadas, o concello ofrecerá degustacións gratuítas no Mercado da Reserva da Biosfera a partir das 12:30 horas os seguintes sábados:
• Día 26 de setembro: Tataky de boi.
• Día 3 de outubro: Croqueta de boi guisado.
• Día 10 de outubro: Paté de fígado de boi co shiitake.

Premios á fidelidade
O concurso volve premiar a participación da xente a través das clásicas cartillas de votación. A primeira persoa que conte coa tarxeta cidadá e consiga probar todas as tapas participantes levará un premio directo de 100 euros para gastar no comercio local.
Ademais, entre todas as cartillas que se completen sortearase un atractivo vale único de 300 euros para compras e consumo na hostalaría e comercio de Allariz. Como incentivo para quen probe un menor número de propostas, tamén se sortearán tres vales de 100 euros entre aquelas cartillas que acumulen polo menos 5 tapas consumidas.
O broche final ao certame será o sábado 24 de outubro, ás 11 horas, no Mercado da Reserva da Biosfera, momento no que se celebrará o sorteo dos vales e se anunciará tanto o fallo do xurado profesional coma a tapa favorita da xente. Bases do concurso en allariz.gal.
Como complemento á participación, este ano incorporarase unha enquisa de satisfacción que o público atopará tanto nas cartillas coma nos dípticos informativos. A través dun sinxelo código QR, as persoas que se acheguen a degustar a carne de boi poderán responder a catro preguntas breves coas que axudarán á organización e á hostalaría a coñecer de primeira man as impresións da veciñanza e visitantes.
Música en directo e cantos de taberna
Un dos pratos fortes desta edición será a dinamización de rúa que acompañará ás xornadas gastronómicas. As tardes e noites dos venres e sábados encheranse de ambiente festivo e música a partir das 20:30 horas, cun calendario moi animado:
• Venres, 25 de setembro: Cantos de taberna coa agrupación Xolda de Allariz e As Xeitosiñas de Baltar.
• Sábado, 26 de setembro: Actuación musical de De Pé Feito.
• Venres, 2 de outubro: Cantos de taberna coa agrupación Xolda de Allariz e As Cen Tolas de Ambía.
• Sábado, 3 de outubro: Actuación musical de As Netas do Arnoia.
• Venres, 9 de outubro: Cantos de taberna coa agrupación Xolda de Allariz e Xurupía.
• Sábado, 10 de outubro: Actuación musical de A Murga Achicoria.
XV anos degustando a carne de boi en Allariz
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, subliñou que estas 15 edicións consolidan o evento como unha cita imprescindible “para a dinamización económica de Allariz e a posta en valor dos produtos que forman parte da nosa identidade”. Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, María López, quixo animar a toda a poboación a desfrutar e participar activamente nesta nova edición, destacando que o certame “é unha oportunidade fantástica para encher as rúas de vida, gozar da música en directo e poñer en valor o talento da nosa hostalaría”.