EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Investigan como mellorar a saúde dos solos vitícolas e reforzar a adaptación do viñedo ao cambio climático

O proxecto combina o traballo científico da Universidade de Vigo co papel territorial do Inorde, orientado a achegar os avances ao sector vitivinícola, conectar con viticultores, cooperativas, adegas e administracións, e contribuír ao deseño de estratexias que favorezan modelos circulares na viticultura

 

O Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, a e Universidade de Vigo avanzan no desenvolvemento do proxecto europeo Viti-Valmo, que ten como obxectivo buscar solucións para mellorar a saúde dos solos vitícolas e reforzar a adaptación dos viñedos ao cambio climático. O proxecto combina o traballo científico da Universidade de Vigo co papel territorial do Inorde, orientado a achegar os avances ao sector vitivinícola, conectar con viticultores, cooperativas, adegas e administracións, e contribuír ao deseño de estratexias que favorezan modelos circulares na viticultura.

No marco deste traballo está a ensaiarse o uso de biocarbón (biochar) obtido a partir de cepas de vide arrincadas, un material que se incorpora ao chan para estudar se mellora a retención de auga para facer fronte aos episodios de seca, a fertilidade, o almacenamento de carbono e a actividade biolóxica dos viñedos. O ensaio, a nivel galego, desenvólvese na parcela experimental Pé Redondo, de Adegas Martín Códax, elixida pola Universidade, e forma parte dunha rede de probas que tamén se realizan en Alentejo (Portugal) e Occitania (Francia).

A iniciativa parte dun reto cada vez máis presente nas zonas vitivinícolas do suroeste europeo: o impacto do cambio climático sobre os viñedos. O aumento das temperaturas, a menor dispoñibilidade de auga e a maior frecuencia de períodos secos afectan directamente á fertilidade dos chans, ao desenvolvemento das plantas e á calidade da uva. Fronte a este escenario.

De cepas arrincadas a recurso para o viñedo

O biochar obtense mediante un proceso chamado pirólisis, que consiste en quentar a biomasa con moi pouco osíxeno. O resultado é un material sólido, rico en carbono e moi estable, que pode permanecer durante longo tempo no chan. Unha das principais novidades do proxecto é que esta transformación realízase cun forno móbil a escala piloto, deseñado para traballar directamente no campo evitando o transporte de grandes volumes de biomasa a longas distancias.

“Queremos estudar se un residuo habitual do viñedo, como son as cepas arrincadas ou mesmo os restos de poda de viñedos, pode converterse nunha ferramenta útil para mellorar a saúde do chan e reforzar a capacidade de adaptación do cultivo”, explica Manuel Conde-Cid, investigador principal do proxecto na Universidade de Vigo.

 

 

Ciencia aplicada para viticultores e cooperativas

Pola súa banda, a participación do Inorde céntrase en apoiar a difusión do proxecto no contexto galego e español, conectar cos axentes do territorio e definir estratexias territoriais que avancen cara a modelos circulares na viticultura. Tendo en conta que en Galicia existen cinco Denominacións de Orixe e cinco Indicacións Xeográficas Protexidas vinculadas o viño, “o obxectivo é contribuír a que Galicia poida seguir producindo viños de máxima calidade sen danar aquilo que lles outorga diferenciación: os seus chans”, sinala Servando Álvarez, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, situado en Xinzo de Limia.

Un proxecto europeo para unha viticultura máis resiliente

Viti-Valmo, acrónimo de valorización dos residuos orgánicos locais para lograr unha viticultura resiliente, está cofinanciado polo programa Interreg Sudoe 2021-2027 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e desenvolverase ata 2028. Liderado por Agropolis International, reúne a sete entidades de España, Portugal e Francia: CIRAD, Universidade de Vigo, Universidade de Évora, CVRA, Município de Vidigueira e Inorde, coa colaboración de Adegas Martín Códax como socio.

Fotos cedidas.

Back to top button