
O Concello de A Veiga prepara para os vindeiros 3 e 4 de outubro a celebración da Exposición Agrogandeira Crianza Trevinca, que alcanza xa a súa sexta edición e que este ano incorpora novas propostas á súa programación. A feira terá como escenario O Coiñedo durante toda a fin de semana, cun programa que combinará a exposición de gando e maquinaria con actividades vinculadas ao mundo rural, a gastronomía, os oficios tradicionais e o lecer.
A inauguración oficial terá lugar o sábado 3 de outubro ás 12.00 horas, momento no que dará comezo un evento no que o gando volverá ser un dos principais protagonistas. O recinto contará con exemplares de vacas, ovellas, cabras e cabalos, ademais de diferentes concursos e exhibicións relacionados coa actividade
gandeira.
Entre as propostas previstas destaca tamén a exhibición de maquinaria forestal, que este ano amplía a presenza do sector forestal na feira. A esta mostra sumaranse exhibicións de drons e robots forestais, achegando ao público as novas tecnoloxías aplicadas aos traballos forestais.

O programa manterá así mesmo un importante compoñente de tradición e cultura rural. Durante a fin de semana haberá exhibición de cans de pastoreo, demostración de ferrado de cabalos, a presenza do afiador e o augardenteiro e o concurso de «Agarabuñar a gadaña», recuperando e mostrando diferentes oficios, habilidades e prácticas vinculadas ao medio rural. De igual maneira sumaranse a participación de novos
concursos de empanadas ou o mellor producto da terra.

A gastronomía local terá tamén un papel destacado nesta sexta edición. A programación inclúe dúas catas de viño acompañadas de produtos locais, unha cata de licores con biscoito, unha degustación de caldo con faba loba e unha degustación de ponche.
A feira contará tamén con varios concursos gastronómicos e relacionados coa produción local, entre eles un concurso de empanadas e outro para escoller o produto da horta máis orixinal, dando protagonismo á creatividade e á variedade da produción local.
Fotos: Arquivo Carlos G. Hervella.
