ConcellosO BoloÚltima hora

A campaña ‘Toponimízate’ chega este venres ao Bolo á procura de colaboración veciñal na recolla de nomes da terra

 

A campaña Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra 2026 despídese este venres, 25 de setembro, das terras ourensás no concello do Bolo. A veciñanza da comarca de Valdeorras ten nesta cita a última oportunidade deste ano para asistir a unha das charlas nas que se explica como unirse ao proxecto colaborativo de recolla e xeolocalización dos nomes de leiras, soutos, camiños, devesas, fontes e outros microtopóminos empregando a aplicación Galicia Nomeada, que xa conta con milleiros de colaboradores por toda Galicia. Desde a súa posta, rexistráronse a través dela máis de 125.000 microtopónimos por todo o país.

A charla terá lugar na Sala Coworking da Antiga Casa Cuartel a partir das 19:00 horas. O alcalde do Bolo, Miguel Ángel García,presentará o relatorio que impartirá Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, institución que organiza Toponimízate en colaboración coa Xunta de Galicia.

Toponímízate chega ao Bolo co fin de transmitir a urxencia de rexistrar a súa microtoponimia. Tres son os motivos que fundamentan esta necesidade: este municipio ourensán non foi obxecto dunha recolla mentres estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011) e desde o lanzamento de Galicia Nomeada, hai case sete anos, só se achegaron 75 topónimos relativos terras, montes ou algún elemento de interese cultural do municipio. Por último, O Bolo, coma tantos outros concellos ourensáns, está a sufrir un forte despoboamento (perdeu máis da metade de poboación en só catro décadas), proceso que acelera a perda da transmisión da microtoponimia.

Vicente Feijoo explicará como darse de acta na plataforma colaborativa e como funciona a aplicación para engadir topónimos, así como audios, fotos, documentos ou vídeos relacionados con estes nomes. Tras este bloque máis práctico, virá a parte máis científica e máis agardada nas charlas Toponimízate, na que se explica a orixe e o significado dos nomes de parroquias e aldeas do concello que se visita, un apartado que conta co apoio na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. No Bolo, formado por 18 parroquias, abondan os nomes únicos no país, como Valbuxán, Valdanta, Chandoiro ou Outar de Pregos. Todos eles serán debidamente explicados nesta parte final do relatorio.

Tamén se fará alusión aos topónimos deste municipio que foron obxecto dun novo ditame no Nomenclátor de Galicia 2026 (recentemente aprobado pola Xunta de Galicia) co obxectivo de explicar os motivos do cambio. A tarefa é ben doada neste caso, pois só se modificaron dous topónimos que contiñan erros no Nomenclátor de 2003: Celeiros pasou agora ao nome correcto usado pola veciñanza, Celeirós, e a advocación errada da parroquia de Chandoiro, que figuraba como San Ramón, pasou a San Román.

Pedirase ademais a colaboración do público asistente para saber se quedan entidades de poboación sen incluír no Nomenclátor ou se existe algunha pronuncia distinta nos nomes oficiais do resto de aldeas e parroquias.

A semana vindeira, Toponimízate visitará o concello pontevedrés das Neves. A cita será         o venres 2 de outubro, no Mercado das Neves a partir das 20:00 horas.

Back to top button