
Promover un estilo de vida saudable a través da práctica de diversas actividades físicas e de ocio, dende o rural. É o obxectivo co que nacía Portorixe, unha empresa de animación sociodeportiva vencellada ao deporte e o fitness, situada no Bolo e pensada para traballar na parte rural da comarca de Valdeorras.
“A nosa idea principal era que o rural tivese as mesmas oportunidade que a cidade onde se a xente quere ir ao ximnasio teno ao lado de casa ou se quere levar aos nenos a unhas clases deportivas pode facelo, cousa que non pasa en aldeas de concellos coma O Bolo, Larouco,… onde os nenos teñen moi poucas actividades e os adultos están esquecidos”. Quen fala é Iván Porto Caperán (Técnico Superior en acondicionamiento físico e Técnico Superior en ensinanza e animación sociodeportiva), un xove natural de Lentellais que con apenas 21 anos decidía emprender no rural, de onde non quere marchar, acompañado polo seu irmán xemelgo Óscar (Monitor de ocio e tempo libre, Coach deportivo, Monitor de musculación e fitness,…).

Conta Iván que a idea xurdiu do seu traballo de fin de ciclo. “O meu irmán xa estaba traballando e eu estaba rematando os meus estudos e démonos conta de que había unha oportunidade moi grande sobre todo para devolverlle ao rural algo do que nós dá, comezamos a darlle voltas para intentar levalo a cabo e ahí estamos”. Diso fai máis ou menos un ano, investindo meses en contactar con concellos, colexios e asociacións. “Tamén falamos co Polo de Emprendemento e aos poucos meses de presentarlle a nosa idea chamáronnos de Santiago para dar unha charla de Talento Xuvenil, na Cidade da Cultura”, conta Iván, adiantando que en breve comezarán a recoller os froitos de todo ese esforzo.
E é que en Portorixe están convencidos de que o benestar e a vitalidade non entenden de idades. “A nosa misión é transformar o concepto de exercicio nunha experiencia integral que une saúde, diversión e respecto pola contorna natural”. Para iso, deseñaron un catálogo de propostas adaptadas a cada etapa do ciclo vital: desde o desenvolvemento motriz dos máis novos ata o mantemento da autonomía dos maiores. “Un modelo de lecer activo onde o rigor técnico e a calidez humana atópanse para coidar do que máis importa: a saúde”.

A oferta é moi ampla. Desde o servizo de madrugadores en colexios, extraescolares deportivas e lúdicas, ata campamentos en vacacións, fomentando o deporte, a convivencia e a conexión co medio rural, para nenos e xoves; ata clases semanais de adestramento funcional, GAP, Pilates… ademais de charlas sobre saúde, iniciación ao fitness e adestramentos personalizados, para os adultos; sen esquecer sesións de actividade física adaptadas para mellorar a mobilidade, respiración, equilibrio, memoria e coordinación, para os maiores; interesados asemade na organización de talleres interxeracionais con nenos e novos, eventos e festas locais.
Algunhas desas clases dirixidas comezarán xa en outubro con varias actividades programadas. “En Petín por exemplo daremos clases de Pilates, GAP,… e nos colexios como o Manuel Respino da Rúa comezaremos a dar extraescolares (multideporte)”, adianta Iván, destacando outro dos seus obxectivos: recuperar xogos tradicionais feitos artesanalmente. “Tempos peóns feitos no torno polo noso pai ou unha ra feita por Pepe de Valbuxán, por poñer algún exemplo, polo que é tamén unha forma de apoiar aos artesáns e comercios locais”.
Do agradecemento por quen os apoiou dende o principio, o seu pai, e o amor polo lugar de nacemento do que se sinten moi orgullosos, nacía o nome da empresa. “Quixemos reflectir o seu apelido Porto e o de orixe é para lembrar de onde partimos e onde queremos seguir. Apostamos polo rural e queremos vivir nel e del”, sentencian.
Máis información e contacto en portorixe.com.

Fotos cedidas.