
A lousa é a industria que deu forma a Carballeda e a boa parte de Valdeorras, e V Nove quixo que unha das súas citas soase precisamente aí, nun espazo de traballo convertido por unha tarde en escenario. Así o sábado 26 de setembro ás 19:00 h poderá desfrutarse do espectáculo “Comedia no cumio” nas instalacións de Pizarras Tres Cuñados en Casaio. O acceso ata alí, matiza a organización faise por estrada de montaña, e por iso habilitouse un autobús para quen prefira subir sen coche.
“Esta estación resume á perfección a esencia do proxecto. Un escenario que non existía ata agora —as instalacións dunha canteira de lousa, no alto de Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras— e tres nomes que calquera galego coñece: Carlos Blanco, David Amor e Leti da Taberna, tres xeracións do humor galego xuntas nunha mesma tarde, coa serra por fondo”, explican os promotores da iniciativa.
Carlos Blanco
Vilagarcía de Arousa, 1959. É un dos actores e humoristas máis veteranos e recoñecibles de Galicia. O gran público coñeceuno como Ladislao en Mareas vivas e, xa a escala estatal, como Laureano Oubiña en Fariña; despois viñeron La Unidad, Rapa, O caso Asunta ou a película Rondallas. En paralelo leva máis de dúas décadas percorrendo Galicia cos seus monólogos, desde O país da comedia ata Somos criminais con Touriñán, e o seu espectáculo actual, A penúltima.
David Amor
Salceda de Caselas, 1980. Xogador de balonmán que chegou á comedia por un casting de O rei da comedia na TVG e xa non a deixou. Na televisión galega conduciu o seu propio late night, Con Amor e Compañía, e participou en series como Mareas vivas ou Pataghorobí; no ámbito estatal foi colaborador de El Club de la Comedia, actor en Gym Tony e concursante de Tu cara me suena e de MasterChef Celebrity. Sobre o escenario, o seu último monólogo é Love está no aire.
Leti da Taberna
Leticia Miraz, criada nunha taberna de aldea entre Guitiriz e Teixeiro. Empezou a subir vídeos a TikTok en 2020, en galego e con retranca, e hoxe suma máis de cen mil seguidores nas redes e é unha das voces máis recoñecibles do novo humor galego. Colabora en Malicia noticias e Galicia por diante, e leva os seus monólogos Enredada e Jastac Japi Jolidais por toda Galicia. Este outono xira precisamente con Enredadas no Camiño, o seu espectáculo arredor do universo xacobeo.
As tres últimas estacións
Música no Camiño
Sábado 3 de outubro · O Bañadoiro, Vilamartín de Valdeorras · entrada libreA noite grande de V NOVE, á beira do Sil, encabezada por Veintiuno, unha das bandas de referencia do pop español actual, e completada por Eris Mackenzie, Mrs. Fine e DJ Motto.
Concerto de De Vacas e visita guiada á adega
Sábado 10 de outubro · 18:00 h · Adega Roandi, Éntoma (O Barco de Valdeorras). De Vacas presenta Rebovina Divas Live nunha adega da Denominación de Orixe Valdeorras, nunha cita que combina o concerto cunha visita guiada ás instalacións. Entradas xa á venda en Ton y Son e en Ataquilla.com. Aforo limitado.
A ruta do mel
Domingo 25 de outubro · 11:00 h · Serra da Enciña da Lastra, Rubiá · prazas moi limitadas. O peche do itinerario é unha experiencia de interpretación da paisaxe e do patrimonio apícola no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, da man de O Marquesado. Reservas en Ton y Son e en contacto@vnove.es.
Toda a programación, con mapa interactivo da comarca, en vnove.es. V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son.