CulturaCulturaÚltima hora

A instalación dun cronómetro na Oficina de Acollida ao Peregrino, en Santiago, activa a contra atrás para o Xacobeo 2027

 

A Xunta iniciou hoxe oficialmente a conta atrás cara o Xacobeo 2027 coa instalación dun cronómetro na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago, no que se poderán consultar as xornadas que quedan para o vindeiro Ano Santo. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, acompañado do comisario do Xacobeo, Marcos Gómez Román, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, foi o encargado de activar hoxe este cronómetro, cando quedan xusto 100 días para esta celebración.

A Xunta leva meses traballando na preparación deste novo Xacobeo que vai ser un dos acontecementos máis relevantes a nivel europeo e que supón unha gran oportunidade para Galicia. O obxectivo do Goberno autonómico é organizar unha programación diversa, inclusiva, que chegue a todo o territorio e que se prolongue máis aló do propio 2027. De feito, no marco do Plan de Patrocinios, xa foron aprobados 128 proxectos que se están a organizar ao longo deste ano, como antesala do Xacobeo. A Xunta recibiu máis de 700 propostas de actos para a programación e, na actualidade, están avaliándose os eventos que contarán finalmente con apoio para celebrarse no 2027.

 

 

En paralelo, a Xunta puxo en marcha unha nova edición do programa O Teu Xacobeo, mediante o que entidades, profesionais e pemes están organizando xa outro medio cento de actos vencellados ao Ano Santo e, no mes de outubro, abrirase unha nova convocatoria de axudas para os eventos de 2027. Ademais, o Goberno autonómico avanza nos contratos de patrocinio con empresas da comunidade -logo de formalizar a colaboración con Hijos de Rivera, Leche Río o Vegalsa-Eroski- e ultima os detalles para presentar a campaña institucional.

Datos de peregrinos

A Xunta activa a conta atrás cara o Xacobeo 2027 nun momento no que Galicia, a través do Camiño de Santiago, segue atraendo a milleiros de visitantes. Os últimos datos indican que o número de peregrinos que recolleron a compostela no que vai de ano supera os 454.000. A eles hai que sumar os que fan etapas da ruta xacobea pero sen recoller este recoñecemento. A información que amosan os sensores instalados en diferentes puntos do Camiño elevan o número de peregrinos deste ano ata os 736.000.

 

Back to top button