
O Partido Popular do Barco vén de emitir unha nota de prensa na que lle pide ao goberno municipal “actuacións urxentes nas áreas infantís do concello despois de coñecer o resultado do informe de inspección realizado o pasado mes de agosto, que confirma moitas das deficiencias sobre as que o grupo popular viña alertando desde hai meses”.
Segundo sinalan os populares, o documento analiza 18 áreas de xogo infantil. “Delas, nove son cualificadas como “malas” ou “malas-perigosas”, seis como “aceptables” e unicamente tres como “correctas”. Ademais, hai instalacións que reciben valoracións de apenas 1 e 2 puntos sobre 10. Os casos máis preocupantes atópanse no Castro e Veigamuíños”.
As conclusións da inspección, di o PP do Barco, “describen situacións que requiren unha resposta inmediata. O informe recolle, entre outras deficiencias, podremia, astillamientos, elementos cortantes, posibles atrapamientos, pezas rotas, cimentacións á vista, pavimentos inadecuados e elementos de xogo moi deteriorados”.
O grupo do PP do Barco considera ademais que “este informe volve abrir o debate sobre as prioridades de investimento do goberno municipal. O PP xa manifestou as súas reservas sobre a actuación da Praza Maior, cuxa primeira fase foi adxudicada por máis de 400.000 euros” e inciden en que non cuestionan a necesidade de mellorar os espazos públicos, senón a orde das prioridades cando existen necesidades básicas pendentes de resolver. “Mentres se destinan centos de miles de euros a transformar a Praza Maior, temos áreas infantís perigosas. Non cuestionamos que se fagan investimentos, cuestionamos as prioridades, antes de emprender grandes obras, hai que coidar o que xa se ten”, di o PP.
Ademais os populares piden que o Concello “actúe inmediatamente sobre as deficiencias que poidan afectar á seguridade, especialmente nas áreas peor valoradas; que instale a sinalización necesaria; e que faga público un calendario de reparación, mantemento e renovación”. Así mesmo, adianta que “volverá solicitar a documentación correspondente ás inspeccións e actuacións de mantemento dos últimos anos”.