ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco responde ao PP e di que inviste “81.000 € na reparación e acondicionamento dos parques infantís do municipio”

 

Un total de 31 parques infantís, os existentes no municipio do Barco de Valdeorras, foron revisados e reparados polos servizos municipais de obras do Concello. Ata o de agora, o investimento total realizado para a reparación e acondicionamento dos xogos dos parques, é de 81.000 euros, cantidade utilizada tamén para a adquisición de novos elementos cando o uso dos anteriores non era apto. Así o asegura o Concello do Barco, dando resposta ao comunicado de prensa que emitía esta mañá o PP sobre este mesmo tema.

Así mesmo, indica o Concello en nota de prensa, tamén “estase a valer do traballo realizado en colaboración cos operarios do Obradoiro de Emprego “Valdeorras Embelece”, cos que se están a reparar varios xogos dos parques infantís do barrio de San Roque e do Chao”.

O grupo de goberno do Concello do Barco non se explica “a falta de rigor da información proporcionada polo grupo popular aos medios de comunicación e a cidadanía, se non é desde o máis absoluto descoñecemento da realidade. Unha ignorancia que só ven a crear alarmismo sen realmente verificar o traballo que se está a facer nos parques infantís do municipio”.

O grupo de gobero socialista indica así mesmo que, “antes de realizar denuncias públicas dunha situación, sería bo que acudisen as fontes reais e non optar por elaborar textos desde despachos alleos ou fóra do municipio sobre o que están a redactar temas tan sensibles para a poboación infantil do Barco e as súas familias”.

Na actualidade, asegura o goberno local, “aqueles parques infantís con algún elemento defectuoso, están pechados e neles se traballa, desde principios de ano, para unha pronta apertura. Por iso, a día de hoxe, non existe ningún parque infantil aberto ao público cuxo uso supoña risco algún para os usuarios. Ao que se engade que, ata o de agora, a Policía Local do Barco non rexistrou ningún parte de incidencias relacionado co uso dos parque infantís.

Dende o Concello do Barco tamén se indica que “certo é que, a maior parte das pezas dos parques infantís do noso municipio, son de madeira, material que sofre moito coas altas temperaturas no verán e coas baixas temperaturas e as chuvias no inverno. Polo que, o Concello, xa revisa desde comezos de ano, todas as estruturas dos parques infantís sen agardar a que ningún informe externo teña que aportar máis datos dos que xa tiña o Concello e sobre os que xa estaba actuando”.

Por outra banda, o grupo de goberno barquense indica que “o parque infantil situado entre a Avenida Portugal e a Rúa da Rampa, o mal chamado polo grupo popular “Vegamolinos”, foi retirado polo Concello fai máis dun mes. O parque infantil do Castro, foi precintado para a súa reparación que se leva a cabo na actualidade. No mesmo caso se atopa o parque do Campiño de Viloira. O parque infantil da Casa Grande de Viloira, tamén se atopa pechado na actualidade, agardando unha actuación conxunta e acordada, por parte do Concello e da Xunta de Galicia, titular do espazo. O parque da Cerámica, vítima dun acto de vandalismo, agarda na actualidade pola colocación dun novo acolchado e a restitución dos elementos de xogo”.

Obra íntegra

Finalmente, dende o Concello sinálase que, “ademais das reparacións e substitucións de elementos realizadas en todos os parques infantís do municipio sen excepción, un total de sete foron remodelados por completo nestes meses. O parque das piscinas municipais, o da urbanización das Hortas, o do pavillón municipal de Calabagueiros, o da Avenida Deputación, o do antigo Matadeiro, e os das Escolas de Veigamuíños e Santigoso”.

 

Back to top button