A Casa Museo da Fundación Otero Pedrayo – Pazo de Trasalba, en Amoeiro, acollía o 20 de setembro unha celebración moi especial na que se xunguían literatura, música, pintura, poesía e recoñecementos, ademais e moitas emocións compartidas. Presentábase o número 22 da revista “Nós, a Xente do Redor”, cuxa portada, dedicada ao escritor ourensán Ramón Otero Pedrayo, era un cadro da pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco).
A creadora era unha das persoas que tomaban a palabra neste acto, no que ademais agasallaba co seu cadro á Fundación Ramón Otero Pedrayo. A obra era recollida polo presidente da entidade, Eduardo López Pereira. Lola Doporto agradecía poder formar parte do proxecto deste revista, “por poder plasmar unha portada máis. Síntome, á parte de moi emocionada, moi orgullosa de que unha obra miña vaia quedar aquí”. A valdeorresa confesábase especialmente emocionada ao saber que no lugar hai unha obra de Antón Pulido, pintor ourensán recentemente falecido e co mantiña unha estreita relación de amizade.

Doporto tamén explicaba que, cando pintaba, sempre lle pedía consello e compartía con el o seu traballo e que este retrato de Otero Pedrayo foi o último no que tivo a súa valiosa colaboración. “Esta obra é especial por moitos motivos, custou que saíra e, como moitas outras veces. Empecei, fixen un par de bocetos, un con sombreiro, outro este, pedín opinión na casa, a Avelino Jácome e tamén a Pulido e el díxome: por suposto, sen sombreiro, coas túas cores e non lle teñas medo“. Un retrato que tardou en comezar, pero ese momento chegou, e empezou polos ollos.
“Síntome moi orgullosa de que este cadro quede aquí, ao carón dunha obra de Antón Pulido e na casa do noso Otero Pedrayo”, concluía Doporto. O seu cadro exporase nun lugar visible e central da Casa Museo.

A presentación da revista, conducida por Marina Sánchez e Avelino Jácome, contará coa participación de numerosos autores da revista, representantes de entidades culturais e autoridades (como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo; ou o deputado autonómo Juan Manuel Casares) así como con diferentes intervencións musicais e poéticas.
O programa intercalaba intervencións literarais, musicais, poéticas e recoñecementos. Entre outros momentos, haberá actuacións de Armando G. López, Maxi Míguez e Plácido Rozas, así como un recitado a cargo de Beatriz Silva sobre un poema de Graça Amiguinho.
Tamén se entregaban os recoñecementos correspondentes ao V Certame de Relato Curto Loureiro, incorporando á xornada unha nova mostra do apoio á creación literaria e á participación cultural.
O encontro contaba igualmente coa presenza e participación de representantes de diferentes asociacións e entidades culturais, reforzando unha das características que definen Nós, a Xente do Redor: a vontade de crear pontes entre persoas, colectivos e iniciativas culturais, dando visibilidade tanto a voces consolidadas como a novos autores e creadores.
Fotos cedidas.
