OurenseÚltima hora

O Muferga organiza unha viaxe institucional do Galaico Expreso pola Ribeira Sacra

A viaxe partirá o día 28 da estación de Ourense ás 11:18 horas e chegará á de San Clodio-Quiroga (Ribas de Sil) sobre as 12:50 horas

 

O Museo do Ferrocarril de Galicia (Muferga) convidou a representantes de distintas administracións e institucións a realizar o vindeiro luns, día 28, unha viaxe promocional no tren Galaico Expreso, convertido este verán nun novo atractivo turístico da Ribeira Sacra. Tamén participarán representantes da operadora ferroviaria Adif e de Alsa Raíl, a empresa xestora do servizo.

O presidente do Padroado do Museo e delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, explicou que se trata de poñer en valor “a suma de esforzos” que deu lugar á posta en marcha do tren e o papel que realiza o Muferga na conservación do patrimonio ferroviario, “que fixo posible que o Galaico Expreso existise como material histórico”.

Realizarán o percorrido representantes da Xunta, o Parlamento de Galicia, Deputacións de Lugo e Ourense, e concellos da Ribeira Sacra, entre outros. Por parte de Alsa Raíl intervirá o director xerente, Antonio Ginés Vázquez Fernández.

A viaxe partirá da estación de Ourense ás 11:18 horas e chegará á de San Clodio-Quiroga (Ribas de Sil) sobre as 12:50 horas. Os participantes tamén poden subir ao tren en calquera das paradas intermedias sinaladas no itinerario, segundo a súa conveniencia; son as de Barra de Miño, Os Peares, Canabal -onde se incorporará o presidente do Padroado-, Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón. O regreso está previsto ás 16:00 horas.

Back to top button