
A Consellería do Medio Rural informa de que vén de ser desactivada a Situación 2 no incendio forestal do concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín. Esta situación operativa de emerxencia decretouse onte xoves pola proximidade do lume ao núcleo de As Meaus, no municipio limítrofe de Baltar. Este incendio iniciouse ás 13,36 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 460 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 6 técnicos, 37 axentes, 39 brigadas, 24 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 11 avións.