Valdeorras, e máis en concreto O Barco, era o lugar escollido polo partido socialista para dar o pistoletazo de saída ao novo curso político coa prioridade, “preparar as eleccións municipais de 2027 e seguir fortalecendo o proxecto socialista no conxunto da provincia”. A Comisión Executiva Provincial e o Comité Provincial, celebrados este sábado no edificio Multiusos barquense, servían para facer balance do traballo desenvolvido pola organización nos últimos meses e, especialmente, para dar conta do proceso de preparación das vindeiras municipais, tanto na procura de candidatos e candidatas como na confección das candidaturas nos distintos concellos da provincia.
“Na liña de sacar o comité e as reunións orgánicas de Ourense, co contacto permanente que estamos tendo coas agrupacións, neste caso tocounos O Barco”, dicía o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila. “Estamos no prazo de saída de maio do 2027,e estamos xa centrando e pechando candidaturas en todos os concellos e Valdeorras é das zonas onde máis estabilidade temos á hora de confeccionar esas candidaturas, onde imos ter candidaturas en todos os municipios da comarca”.

Vila confirmaba dous candidatos: Aurentino Alonso, que será cabeza de lista no Barco, e Sherezade Núñez, en Vilamartín. Tamén anunciaba cambios, sen concretar a persoa, en municipios como Petín. “As circunstancias nos fan ser optimistas totalmente, con candidaturas moi potentes, onde estamos convencidos de que imos revalidar os concellos que temos na comarca, pero tamén incrementar coa prsenza dalgunha alcaldía máis”.
A dirección provincial puxo de manifesto que este traballo leva meses en marcha e que se está desenvolvendo concello a concello, comarca a comarca, en contacto directo coas agrupacións locais, coa militancia e coas persoas que poden asumir responsabilidades e liderar os proxectos socialistas nos municipios. “Estamos facendo un traballo serio e constante para localizar persoas preparadas, comprometidas co seu municipio e con ganas de dar un paso adiante”, sinalaba Vila.

Un partido que percorre a provincia
A celebración dos órganos provinciais en Valdeorras forma parte, ademais, do compromiso da Executiva Provincial de levar a actividade do partido ás distintas comarcas da provincia de Ourense, evitando que a política provincial quede concentrada nunha sede e reforzando o contacto directo co territorio.
Álvaro Vila reivindicou esta forma de traballar porque “para facer política en Ourense hai que estar en Ourense, hai que percorrer a provincia e hai que falar coa xente que coñece de primeira man os problemas de cada concello”.
“Queremos que as nosas agrupacións saiban que a dirección provincial está aí, que as escoita e que traballa con elas. Valdeorras é unha mostra máis dun compromiso que imos manter ao longo deste mandato, que é estar presentes no territorio e acompañar ás nosas agrupacións”, afirmou.
A dirección provincial considera que este contacto directo resulta especialmente importante nun momento no que o PSdeG-PSOE xa está inmerso na preparación das municipais de 2027, unha cita para a que a organización quere chegar cunha estrutura reforzada e con candidaturas capaces de ofrecer proxectos de futuro para cada concello.

Candidaturas
Durante as reunións celebradas este sábado, a dirección provincial tamén puxo en común o estado dos traballos realizados nos últimos meses para avanzar na configuración das listas municipais. Vila subliñou que “non se trata simplemente de cubrir papeletas, senón de formar equipos e construír proxectos políticos que teñan raíces en cada municipio”.
Neste sentido, explicou que o PSdeG-PSOE está buscando “persoas que coñezan os seus concellos, que teñan capacidade de liderar, que queiran dar un paso adiante e que compartan a vontade de transformar a realidade desde os gobernos municipais”.
“Temos moito traballo por diante, pero tamén temos moita ilusión e moita xente disposta a participar neste proxecto”, afirmou. O secretario provincial insistiu en que o obxectivo é que “ningún concello quede fóra desta planificación” e que a organización seguirá traballando nos vindeiros meses para completar as candidaturas e consolidar equipos por todo o territorio provincial.
Un novo curso político co 2027 no horizonte
A Comisión Executiva Provincial e o Comité Provincial celebrados en Valdeorras marcan así o inicio dun novo curso político no que o PSdeG-PSOE de Ourense pretende combinar o traballo institucional e de oposición coa construción das alternativas municipais para 2027.
“Hoxe poñemos oficialmente en marcha un novo curso político, pero o traballo para as municipais xa leva meses en marcha”, resumiu Álvaro Vila. “Imos seguir percorrendo a provincia, falando coas agrupacións, incorporando persoas e preparando proxectos. En 2027 queremos que os veciños e veciñas de cada concello teñan unha candidatura socialista preparada para gobernar e para dar resposta aos problemas reais do seu municipio”, concluíu.
Fotos: O SIL.