
A Denominación de Orixe Valdeorras remata neste 28 de setembro a súa vendima máis temperá. O peche da campaña tiña lugar nunha parcela de Godello de Bodega Rafael Palacios, situada en Santa Cruz (O Bolo). Por outra banca, a recollida das variedades tintas finalizaba xa o pasado sábado, coa recollida das últimas uvas de mencía nunha parcela situada no municipio de Rubiá, destinadas a Bodega Avancia.
A vendima abríase na D.O. o 13 de agosto e desenvolvíase de maneira escalonada nas distintas zonas. En total chegouse a unha produción de 8,1 millóns de quilos de uva, superando as previsións iniciais do Consello Regulador. A evolución da campaña estivo marcada polo bo estado sanitario da uva, unhas condicións meteorolóxicas favorables durante boa parte da campaña e uns primeiros mostos que apuntan a uns parámetros de calidade destacados.
O director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, realiza unha valoración moi positiva e destaca que a produción final superou as previsións iniciais. “Partiamos dunha estimación de entre 8 e 8,5 millóns de quilos e finalmente alcanzamos os 8,1 millóns. Superar a barreira dos oito millóns é unha cifra importante para a nosa denominación de orixe”, sinala.
Mazaira destaca especialmente as boas condicións meteorolóxicas e o estado sanitario da uva, factores que contribuíron ao resultado da campaña. “As choivas foron moi beneficiosas para alcanzar estes niveis de produción e a uva presenta unha calidade excelente, tanto desde o punto de vista sanitario como no relativo ao grao alcohólico e á madurez”, explica. O feito de que esta fose unha das vendimas máis temperás da historia de Valdeorras permite, ademais, dispoñer xa dos primeiros mostos e realizar unha valoración inicial das súas características. “As sensacións son moi boas. Os parámetros que definen os nosos viños, como os compostos aromáticos, o equilibrio entre acidez e estrutura en boca, apuntan a unha calidade excelente”, asegura.
O director técnico do Consello Regulador pon ademais o foco no crecente peso dos viños brancos dentro da produción de Valdeorras e na súa boa acollida nos mercados. “A proporción de brancos continúa aumentando e xa representa arredor do 80 % da produción. É unha evolución que responde á demanda dos mercados e que estamos afrontando desde un crecemento sostible, a medida que os nosos viños se consolidan e son cada vez máis aceptados”, conclúe.
Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Marcos Prada, tamén fai un balance moi positivo. ” A recollida desenvolveu con normalidade e permitiu cumprir e mesmo superar as previsións iniciais”. “Estamos moi contentos co desenvolvemento da vendima. Foi tranquila e constante, o que permitiu aos nosos viticultores, adegueiros e enólogos realizar os traballos en moi boas condicións, aínda que o inicio se adiantou lixeiramente”, sinala.
Un esforzo conxunto
Prada destaca o esforzo realizado por todo o sector durante unhas semanas “decisivas” para o resultado final da colleita. “A vendima é un dos momentos de maior esforzo para os nosos viticultores, enólogos e adegueiros e resulta decisiva para garantir o traballo de todo un ano. Vendo a evolución da campaña e a calidade das uvas que foron entrando nas adegas, estamos convencidos de que nos atopamos ante unha anada excepcional”, asegura.
En canto á produción, o presidente do Consello Regulador subliña que se superaron as previsións mantendo o compromiso cun crecemento sostible. “Cumprimos as nosas previsións e superamos os datos do ano pasado, cun lixeiro crecemento da produción. Non buscamos disparar as cantidades, senón manter unha evolución equilibrada e sostible, sempre coa calidade como prioridade”, explica.
Prada destaca así mesmo as boas perspectivas para a comercialización dos viños da denominación de orixe. “A calidade mantense nunha liña excelente e o mercado está mostrando unha demanda importante dos nosos viños. Confiamos en poder comercializar toda a produción e mesmo pode que nalgún momento quedemos un pouco curtos para atender esa demanda”, apunta.
“Todo isto é posible grazas ao traballo e ao compromiso de quen forma parte desta denominación de orixe. Poñemos en valor o pequeno, o traballo dos nosos viticultores e adegas, para ofrecerlle ao consumidor o mellor de Valdeorras”, conclúe.
Co peche da vendima comeza agora unha nova etapa nas adegas de Valdeorras, onde os primeiros mostos irán definindo o carácter dunha anada que nace con grandes expectativas.
