
Viana do Bolo, a través da súa gastronomía, estará presente nos próximos días en Noventa Padovana (Véneto, Italia). Ata alá viaxa a súa bica. “Esta iniciativa nace da vontade de seguir estreitando os lazos entre O Carballiño e o Véneto, unidos pola tradición gastronómica arredor do polbo. A asociación italiana Confraternità del Folpo está a organizar diferentes actividades para dar a coñecer a gastronomía, a cultura e a historia que hai detrás dos nosos produtos tradicionais”, explica o Concello de Viana do Bolo.
Así, a bica vianesa será a sobremesa da cea de gala deste sábado 3 de outubro, acompañando outros produtos galegos como o polbo e o pan de Cea. Unha magnífica oportunidade para levar un anaquiño de Viana e da nosa tradición gastronómica ata Italia.
Ademais, durante a semana do 24 de outubro, terá lugar o evento máis multitudinario, no que tamén se volverá promocionar Galicia a través de diferentes casetas. “É unha oportunidade para compartir, promocionar e poñer en valor os nosos produtos e a nosa identidade gastronómica máis alá das nosas fronteiras”, asegura o Concello de Viana do Bolo.

