En portadaÚltima hora

Do gando aos robots forestais, na VI Exposición Agrogandeira Crianza Trevinca na Veiga esta fin de semana

Celebrarase os días 3 e 4 de outubro no Coiñedo, con concursos, demostracións, catas, actividades infantís, postos de artesanía e propostas para pasar toda a fin de semana en familia

 

Conta atrás para a VI Exposición Agrogandeira Crianza Trevinca, que se celebrará esta fin de semana na Veiga, cun programa que combina tradición e innovación e que ofrece propostas para diferentes públicos ao longo de dous días, o 3 e 4 de outubro.

A exposición volverá poñer no centro o mundo agrogandeiro, con gando vacún, equino, caprino e ovino, exposición de maquinaria agrícola e forestal, produtos agrícolas e artesáns e demostracións de oficios tradicionais. A programación incorpora ademais novas propostas relacionadas coa actividade forestal e coa tecnoloxía, ampliando os contidos da feira.

 

 

 

A inauguración oficial da mostra está prevista para o sábado 3 de outubro ás 12.00 horas, coa actuación da
Banda de Gaitas da Veiga. A partir de aí, o público poderá asistir ao longo da xornada a exhibicións de cans de pastoreo, actividades agroforestais, demostracións de elaboración de augardente, exhibicións de drons e robots forestais, ferrado de cabalos, corte de madeira ou traballos con tractor e sulfatador. O domingo continuará a programación con, entre outras propostas, unha demostración do traballo dun afiador, un espectáculo ecuestre e novas exhibicións de actividades agroforestais.

 

 

Gastronomía e produtos locais

A gastronomía terá un papel destacado ao longo da feira. O programa inclúe dúas catas de viños da D.O. Valdeorras acompañadas de produtos locais, unha cata de licores e produtos de castaña, así como unha degustación de caldo galego con Faba Loba.

A programación gastronómica completarase coa presenza de diferentes opcións para comer no propio recinto, entre elas porco ao espeto, polbo, polo asado, parrillada, pizzas e foodtrucks, facilitando que os visitantes poidan pasar boa parte da xornada no Coiñedo.

A feira tamén quere dar protagonismo á produción local a través dos concursos. Haberá concurso de fotografía, do produto máis especial da horta e de empanadas, ademais do campionato de bolos e o concurso «Acrabuñando a gadaña». Para participar nos concursos é necesario realizar inscrición previa a través do teléfono 694 311 733 ou do correo cultura@aveiga.gal.

 

 

 

Unha feira tamén para as familias

As familias terán un espazo propio na programación, con actividades infantís durante as dúas xornadas. O sábado haberá obradoiros de pirogravado, pintura en madeira e pan artesán, mentres que o domingo será a quenda dun obradoiro de candeas. Ademais, durante toda a feira estará habilitada unha zona infantil con colchonetas, touro mecánico, xogos de madeira, noria, carrusel e un simulador de corte de madeira.
A programación inclúe tamén stands de información, produtos agrícolas e artesáns, e unha exposición do INORDE.

As catas e os obradoiros teñen aforo limitado e requiren reserva previa, que se pode realizar no teléfono 694 311 733 ou no correo cultura@aveiga.gal.

A actividade comezará xa o venres 2 de outubro, coa presentación do caso de estudo Living Lab «A Veiga Valley», no marco do proxecto europeo FARCLIMATE, unha iniciativa vinculada ao desenvolvemento rural. A feira propiamente dita desenvolverase o sábado 3 e domingo 4 de outubro.

O Concello de A Veiga anima así a veciñanza e ás persoas procedentes doutras localidades a achegarse ao Coiñedo durante esta fin de semana, nunha sexta edición de Crianza Trevinca que combina a exposición de gando e a actividade agrogandeira con gastronomía, tradición, propostas infantís e novas tecnoloxías aplicadas ao sector forestal.

Fotos: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

Back to top button