OurenseÚltima hora

Luz Casal e a súa banda, da que forma parte o guitarrista barquense Jorge F. Ojea, volven a Ourense

O 4 de outubro pecharán o Festival Ou Yeah! cun concerto no Pazo dos Deportes Paco Paz

 

Ourense prepárase para recibir de novo a Luz Casal. Este domingo, 4 de outubro, a artista regresará á cidade para protagonizar a última xornada da segunda edición do Festival Ou Yeah!, cun concerto no Pazo dos Deportes Paco Paz que suporá a súa primeira actuación na capital ourensá desde 2019. A cita, que contará tamén coa música do cantautor vigués Castillo e cunha proposta gastronómica de Cociña Ourense, poñerá o broche final a un ciclo que, ao longo dos últimos meses, levou a música en directo a diferentes escenarios da provincia.

A xornada comezará ás 19 horas coa apertura de portas. Ás 19.30 horas, Castillo será o encargado de inaugurar a programación musical, antes de dar paso, ás 20:20 horas, á actuación de Luz Casal, que chegará a Ourense no marco da xira de presentación do seu último traballo, Me voy a permitir.

Con esta última cita, o Ou Yeah! culmina unha segunda edición que volveu apostar polo seu formato expandido, un modelo que combina grandes nomes do rock estatal e internacional con novas propostas da escena galega, levando os concertos a distintos puntos do territorio e vinculándoos á gastronomía e á identidade local.

O festival Ou Yeah! está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, e da Deputación Provincial de Ourense.

 

 

Luz Casa, un regreso agardado a Ourense

Unha das grandes voces da música española das últimas décadas, Luz Casal regresa a Ourense cun espectáculo que percorre as diferentes facetas dunha traxectoria marcada pola versatilidade, a personalidade artística e a conexión co público.

A cantante presentará o seu último traballodiscográfico, un proxecto que reúne dez cancións e dez maneiras diferentes de mirar e entender o mundo. Un álbum no que a artista explora novos territorios creativos e reivindica a liberdade para transitar entre estilos, emocións e rexistros musicais.

O directo propón unha viaxe pola súa identidade musical, desde a elegancia da chanson francesa ata a riqueza do cancioneiro latinoamericano, pasando polas cancións máis próximas ao cotián e pola súa faceta máis rockeira, que continúa a ser un dos sinais distintivos da súa carreira.

Acompañada dunha banda formada por Tino di Geraldo, Jorge F. Ojea, Peter Oteo, JM Baldoma “Baldo” e Borja Montenegro, xunto á propia artista, Luz Casal ofrecerá no Paco Paz un espectáculo que combina as novas composicións cos diferentes estilos que conforman o seu universo musical.

O concerto supón, ademais, o seu reencontro co público ourensán despois de sete anos e será  o acontecemento central dunha xornada coa que o festival pechará a súa segunda edición.

Back to top button