EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Bodega Sanclodio presenta os seus viños á hostalaría de Ourense

 

Bodega Sanclodio presentaba o 30 de setembro os seus viños no Hotel Barceló Ourense, mostrando así a “aposta da compañía por Galicia, Comunidade na que ten unha gran presenza da man do seu distribuidor en Ourense, Distrior”, segundo indicaban. Carlos Moro, presidente da adega, xunto con Luis Gómez, xerente de Distrior, foron os anfitrións deste acto.

Esta cita permitiu dar a coñecer de primeira man a personalidade e diversidade das súas elaboracións e reforzar a súa presenza na canle de hostalería da cidade. Durante o encontro, os asistentes puideron coñecer e degustar as tres referencias que integran a gama de Adega Sanclodio: Sanclodio, Casa da Porta e Finca Palmeira nunha cata realizada pola súa enóloga, María Vidal. Tres viños que reflicten a identidade da adega e a súa aposta por expresar o carácter e a singularidade do territorio galego.

A xornada permitiu ademais compartir cos profesionais da hostalería as características de cada unha das referencias, os seus diferentes perfís e as súas posibilidades de acompañamento gastronómico, nunha contorna pensada para favorecer o contacto directo entre a adega e quen desempeña un papel esencial á hora de achegar o viño ao consumidor.

A presentación contou coa presenza de María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), e José Antonio Armada, director territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.

No acto, a conselleira puxo en valor “a dimensión e o potencial actual da Denominación de Orixe Ribeiro dentro do sector vitivinícola galego”, caracterizado pola súa calidade. Ademais, destacou a relevancia das variedades autóctonas, ás que cualificou como “unha das grandes fortalezas dos viños galegos” ao formar parte da identidade do territorio.

Con esta presentación, Bodega Sanclodio e Distrior “continúan estreitando a súa relación co sector hostaleiro de Ourense, poñendo o foco na proximidade, a divulgación do viño e o contacto directo cos profesionais que contribúen cada día á súa difusión”, segundo sinalan.

Back to top button