CulturaCulturaÚltima hora

O XI Poemagosto reúne poesía, música, natureza e propostas familiares o 10 e 11 de outubro en Allariz

 

O Poemagosto, Festival Internacional de Poesía en Allariz, celebra a súa 11ª edición os días 10 e 11 de outubro, organizado pola A.C. Teleclube O Acomodador. O encontro conta coa colaboración do Concello de Allariz, de gran parte do tecido empresarial da vila e, este ano, tamén da asociación benéfica Pasarela Solidaria de Allariz. A organización destaca a ampla resposta dos negocios e empresas locais, cuxas achegas contribúen cada ano a facer posible o festival.

Esta mañá Alberto Conde, concelleiro de Cultura participou na presentación da 11ª edición xunto coas persoas representantes da A.C Telecuble O Acomodador Carlos Da Aira e Lorena Calvo e Teresa Quintana en representación da pasarela solidaria.

Como novidade, varios comercios cederon os seus escaparates para amosar versos das poetas participantes. Ademais, en colaboración con Pasarela Solidaria, organizouse un concurso de escaparates e interiores ao que se sumaron varios negocios da vila. Quen pasee por Allariz poderá descubrir escaparates decorados con versos e motivos poéticos.

As actividades do sábado desenvolveranse, como en edicións anteriores, no patio cuberto da Fábrica de Curtidos – Museo do Coiro. A programación reunirá as voces de Elvira Ribeiro Tobío e Xabier Cordal (Galiza), Liliana Velandia Calderón (Colombia), Merche Llop Alfonso (Aragón) e Shahd Wadi (Palestina) en recitais de mañá e tarde, precedidos de dous momentos de micro aberto con inscrición previa. A música chegará con Somatotropa en sesión vermú, o concerto de Mel de Meiga á noitiña e unha sesión picadiscos a cargo de Casta para continuar a festa.

O domingo, cada actividade terá a súa propia localización. O paseo ornitolóxico polo Arnoia, guiado por Mariño, da Sociedade Galega de Ornitoloxía, partirá do Museo do Coiro e combinará a observación de aves con momentos de lectura libre de poemas de temática ecolóxica. En estreita colaboración con Pocholiñ@s Park, este espazo acollerá MUMAXICA S.L., de Iseo a Moura, un espectáculo infantil e familiar que achega a mitoloxía galega á rapazada mediante música, humor, maxia e participación do público.

A programación completarase cun encontro-conversa con Elvira Ribeiro Tobío no local da A.V. San Mamede de Urrós, en colaboración co seu club de lectura, arredor do seu poemario Welcome to Sing Sing. A conversa estará aberta a calquera persoa.

Todas as actividades son de entrada libre e de balde. Para participar nos micros abertos é necesario anotarse en poemagosto@gmail.com

 

 

Back to top button