
No marco da celebración do “Made in OU”, no OUFF-Ourense Film Festival, o Cine Club Padre Feijoo de Ourense acollía na tarde do 30 de setembro a proxección do documental “8M Mulleres de Parada de Sil”, á iniciativa de Luis Baños.
Este proxecto conta con dirección e produción de Sabela Rodríguez, a idea orixinal e as entrevistas son de Keily Cantero, a realización de Carlos A. Veloso e o operador de cámara é Luis Baños, ademais de contar co Concello de Parada de Sil como produtor executivo.
A obra amosa dunha maneira próxima e atractiva a realidade das mulleres neste concello, e reflicte a pluralidade de actividades que se realizan nun concello rural e pequeno, así como a nova realidade social multicultural da que este concello se sente orgulloso.
“As mulleres expresan a súa visión sobre o emprendemento no rural cunha adega, unha gandeira, unha hostaleira…, así como os desexos de nenas inmigrantes con respecto ao seu futuro, algo que, dende este concello, sendo pequeno, axuda a entender moi ben o grande que é a inmigración masiva como problema estrutural na economía capitalista”, explican dende o Concello de Parada de Sil.
