En portadaÚltima hora

Punxeiro (Viana do Bolo) celebrará a súa XVIII Festa da Vendima-Ruta das Adegas o 10 de outubro

 

Punxeiro (Viana do Bolo) prepárase para celebrar o vindeiro 10 de outubro a súa XVIII Festa da Vendima-Ruta das Adegas, unha cita, que xungue a gastronomía, coa tradición, a viticultura e a música nun ambiente moi especial.

As entradas xa están á venda e poden mercarse anticipadamente a un prezo de 15 euros en Supermercado Triskel, Agromerlego e Bar Emigrante. Outra posibilidade é adquirilas o mesmo día da festa nun posto que se instalará á entrada da aldea ás 17h. Pero xa terán un prezo de 20 euros. Con esta entrada recibirase un pano e unha cunca conmemorativa. O punto de encontro dos participantes na festa será a praza da igrexa a partir das 19h.

Esta zona acostuma adornarse con elementos ligados ao viño e á vendima. Alí, dende as escaleiras que dan acceso ao templo, abrirase o programa coa xa tradicional lectura do pregón. Despois, soarán tres agrupacións musicais que irán abrindo as tres percorridos diferentes polas adegas, marcando o camiño a seguir polos participantes. Serán a charanga Bandiños Band, As Macizas Centrais e El Tattoo.

 

 

Cando cheguen ás adegas (unhas 17 nesta edición), éstas iranse abrindo de tres en tres. Seguindo a dinámica de anos anteriores. En cada unha delas servirase viño (branco e tinto). Tamén haberá auga e abundantes, variados e deliciosos petiscos preparados pola veciñanza (dende orella e ovos cocidos, ata embutidos, empanada, montadiños, callos, paella, etc).

E unha vez completado a ruta, a medianoite a celebración continuará no campo da festa. Alí darase paso á música e ao baile da man, en primeiro lugar, da orquestra Panamá Band e, despois, da Discomóbil Mami. Esta XVIII Festa da Vendima-Ruta das Adegas será organizada pola Comisión de festas de Punxeiro co apoio do Concello de Viana do Bolo e da Deputación de Ourense. Como en anos anteriores, contarase cun servizo de bús que sairá dende a estación de autobuses de Viana a partir das 17h.

Fotos: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

Back to top button