OurenseÚltima hora

Rodríguez Araujo pecha 8 anos na presidencia da Asociación do Polígono de San Cibrao cun balance de proxectos por 100M€

A estación de mercancías ferroviarias queda como o gran reto pendente: "Goberne quen goberne, debe ser unha prioridade para Ourense"

 

A Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao celebraba na tarde deste venres 2 de outubro a súa Asemblea Xeral Ordinaria, a última presidida por José Antonio Rodríguez Araujo, que pechaba a súa etapa a cargo da entidade cun balance de oito anos de traballo “centrado nas infraestruturas, a seguridade, a mobilidade e o emprego”.

Os proxectos recolleitos durante o seu mandato, sinalaba, suman 100,8 millóns de euros, unha cifra que comprende investimento executado, actuacións en marcha ou financiadas e proxectos previstos. A desagregación do balance sitúa en 32,2 millóns de euros o investimento xa executado e en 69,1 millóns as actuacións en marcha ou comprometidas, aos que esperan súmense tamén, máis pronto que tarda, os 20,5 millóns estimados no anteproxecto da estación de mercancías ferroviarias, pendente de materializarse.

Rodríguez Araujo precisou o alcance destas cifras: “Convén dicilo con claridade: non todo ese importe está xa executado nin, obviamente, son investimentos realizados pola Asociación”, pero en calquera caso a entidade xogou sempre un papel importante. O labor dos empresarios, explicou, consistiu en identificar necesidades, defender proxectos e manter a interlocución coas administracións e entidades responsables para axudar a que saísen adiante.

Décimo presidente da asociación, Rodríguez Araujo deixa a presidencia ao cumprirse o límite estatutario de oito anos de mandato non prorrogables. Na súa despedida recoñeceu o traballo dos nove presidentes anteriores e das súas xuntas directivas, agradeceu a dedicación do equipo que o acompañou e o apoio dos socios, e deu a benvida ás empresas incorporadas recentemente. “Ningún presidente fai nada só”, afirmou.

Entre os principais fitos da etapa destacou a ligazón coa A-52, inaugurado en 2020 cun investimento de 21,8 millóns de euros, que reduciu en máis dun 60 por cento o percorrido ata a autovía. O balance inclúe tamén a mellora de catorce quilómetros da N-525, con 3,6 millóns de euros, e as obras da Rolda Este actualmente en execución, dotadas con 8,9 millóns. A estas últimas sumarase o tramo final, de 1,5 quilómetros e 12,7 millóns, cuxa licitación foi autorizada este ano e que conectará a rotonda de Benposta coa N-525 e o acceso á A-52. A ampliación do Polígono, aprobada e financiada, achegará 341.000 metros cadrados de solo cun investimento de 17,8 millóns de euros. A mellora da depuradora do Barbaña está adxudicada por 35,7 millóns.

Tamén figuran a renovación da subestación eléctrica, o aparcamento seguro de camiones da Cidade do Transporte, con 59 prazas, a instalación de cargadores eléctricos e as actuacións continuas de mellora dos viais.

 

 

A asemblea repasou así mesmo o reforzo da seguridade e da resposta ante emerxencias. A rede de televixilancia pasou de 61 a 126 cámaras e contribuíu a máis de setenta investigacións policiais. O Servizo de Primeira Intervención creceu de dez a trece bombeiros e de dous a cinco vehículos, xunto coa actualización do Mapa de Riscos e as melloras das súas instalacións.

En emprego, o Programa Integrado alcanza a súa undécima edición: durante o mandato participaron 700 persoas e 413 lograron inserirse laboralmente. Rodríguez Araujo lembrou que estes avances producíronse nunha etapa marcada pola pandemia, a folga do transporte, a guerra de Ucraína, a crise enerxética, a inflación e o apagamento. Subliñou o papel da Asociación como canle de información, interlocución e apoio ás empresas, e defendeu a unidade dun tecido empresarial cuxo nivel de asociacionismo supera o 90 por cento.

A estación de mercancías, prioridade pendente

Na clausura, o presidente centrou a súa reivindicación na estación de mercancías ferroviarias, o principal reto que deixa á seguinte Xunta Directiva. Lembrou que o 90 por cento das mercancías de Ourense móvese no cinto empresarial de San Cibrao e a súa contorna, e defendeu a infraestrutura como unha ferramenta para reducir custos loxísticos, mellorar a competitividade e avanzar cara a un transporte máis sostible.

A asociación elaborou un anteproxecto valorado en 20,5 millóns de euros e trasladouno a ADIF e ás administracións. O proxecto conta con respaldo institucional, pero continúa pendente dunha decisión efectiva. “Os apoios institucionais son importantes, pero chega un momento no que deben converterse en orzamentos, expedientes e obras”, sinalou.

 

 

Coa vista posta nas eleccións de 2027, Rodríguez Araujo reclamou continuidade nos compromisos: “a estación de mercancías non pode volver empezar de cero cada vez que cambia un despacho. Goberne quen goberne, debe ser unha prioridade para Ourense”. E engadiu: “Non é o proxecto dunha xunta directiva nin dun partido. É unha infraestrutura estratéxica para as empresas, para o emprego e para o futuro económico da provincia”.

O presidente pechou a súa despedida apelando ao apoio a quen asuma a dirección dunha Asociación que cumpre 47 anos, nun Polígono con 61 anos de historia e ao redor de 400 empresas. “Pertencer á Asociación non consiste soamente en recibir información ou acceder a un servizo. Significa formar parte dunha voz colectiva capaz de defender intereses comúns e soster reivindicacións durante anos”, concluíu.

O acto de clausura da asemblea contaba coa presenza de autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e o conselleiro de Emprego, José González.

 

Back to top button