Dende a exposición ata as últimas innovacións, como os drons e robots, cunha clara aposta pola gandería e o rural de montaña, pero tamén dándolle protagonismo ao sector forestal. Coa asistencia de numerosas persoas poñíase en marcha no Coiñedo (A Veiga) no mediodía deste 3 de outubro a sexta edición da Exposición Agrogandeira de Trevinca, que se desenvolve cun completo e variado programa nesta fin de semana.
“Se ten que haber futuro na Veiga, a sinatura téñena que por os gandeiros”, dicía o alcalde da Veiga, Juan Anta, na apertura desta mostra. “Os gandeiros son os que queren e deciden facer a feira, e son a alma de todo isto. Aquí hai xente que elixiu ser gandeiro, elixiu estar orgulloso de ser gandeiro. Sen que eles estiveran tan involucrados e tiveran tanta ilusión, non sería posible, o futuro da Veiga ten que ir vinculado a eles. E aquí temos unha mostra clara de compromiso e de xente que vai seguir intentándoo, as administracións imos estar e axudar no que poidamos”. Resaltaba que este sector é o que mantén vivo o municipio.
Falaba tamén de que a exposición conta cos produtores locais e, ademais nesta edición, incorpora a un sector forestal, cunha importante representación de maquinaria, que “xa significa moito na Veiga e a mostra está aí, con exhibicións. A Veiga ten que vivir do gando, do comercio local, pero tamén da madeira e todos da man somos moito máis fortes”.
Tamén se refería o rexedor ao esforzo organizativo que implica organizar un evento deste tipo nun municipio deste tipo. “Un concello de 900 habitantes non pode facer esta feira se todo o mundo non se involucra, se non hai traballadores do concello que están ata medianoite onte nese stand contando vacas, se non hai xente que fóra do seu horario laboral e axudando permanentemente colabora en todo o que tedes aquí e que, sempre a pesar da tensión e do esforzo, sempre teñen palabras de esforzo”, dicía o rexedor.

Anta agradecía a presenza das diferentes autoridades, entre as que estaban a conselleira do Medio Rural, o director xeral de Agacal, o presidente do Inorde, ademais de representantes de concellos da zona.
“O que foi primeiro unha exposición sobre todo gandeira, despois incorpourse a maquinaria, este ano xa se incorporan os drons, a sexta edición é o 6.0 das feiras de Ourense, totalmente consolidada”, dicía o deputado provincial e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, resaltando “a necesidade que hai do sector primario, que é o que nos dá de comer e sen el non imos a ningures” e desexaba que esta mostra “siga por moitos anos máis porque iso quere dicir que todos temos en conta o que debe ser o rural: un rural vivo e un rural expositivo unha vez ao ano para que todos confraternicemos”.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, poñía en valor o traballo realizado nesta feira e amosábase encantada de poder compartir coa veciñanza esta feira. “Dende as administracións podemos sumar”, dicía, “o rural manteno vivo os gandeiros e os agricultores, os que traballan os 365 días do ano, e a mellor maneira de manter vivo o rural e de impulsar á mocidade que aposta por ter esas ganderías de excelente calidade e producir unha carne excelente e, sobre todo, coidar o noso territorio. Isto non é un xardín que podemos manter as adminsitracións, isto é un territorio que ten que coidar quen o traballa”.
A conselleira incidía en que “a mellor maneira de maneira de seguir animando aos xoves a seguir traballando o rural é que perciban un prezo xusto polo que producen e para iso dende os gobernos temos que impulsar a apertura de máis mercados aos que mandar as nosas producións de calidade e, nós, por suposto impulsar eventes como este: nos que conclúe o forestal, o agrícola e o gandeiro, pero tamén que se poida achegar xente que non se adica ao sector, que poidan estar en contacto con eles e desfrutar dun día como hoxe”. E auguraba que estes seis anos de traxectoria que leva Crianza Trevinca son só “un comezo dalgo moi bonito que realmente se está a facer aquí na Veiga”.

Novos pasteiros para A Veiga
Así mesmo María José Gómez destacou o traballo da Consellería na recuperación de terreos para aumentar a base territorial para o sector gandeiro, poñendo en valor o impulso dos pasteiros. No caso do concello da Veiga, son oito os pasteiro desenvolvidos desde o ano 2021, cun investimento de máis de 830.000 euros e comprometíase a que no 2027 se fagan máis pasteiros neste municipio.
Adiantaba ademais que en breve “resolveremos esa axuda de 53 millóns de euros para incorporación de mozos ao agro, que chegarán para eses xoves que son o futuro do sector en Galicia, en breve estará resolsta esa convocatoria de axudas”.

Tras o acto inaugural, o público podía percorrer o recinto e asistir á exhibicións de cans de pastoreo, actividades agroforestais, demostracións de elaboración de augardente, exhibicións de drons e robots forestais, ferrado de cabalos, corte de madeira ou traballos con tractor e sulfatador.
O domingo continuará a programación con, entre outras propostas, unha demostración do traballo dun afiador, un espectáculo ecuestre e novas exhibicións de actividades agroforestais.
A organización contaba coa colaboración de Protección Civil e do GES da Veiga.
Fotos: O SIL.
Vídeos: A.R.

