Confiaba en facelo, malia volver co mesmo espectáculo, e conseguíao. Na tardiña do venres 2 de outubro, o campión de España de Maxia Marcos Waldemar volvía encher o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras con Inherente o espectáculo de maxia (uni)Persoal que está a piques de pechar a xira galega que practicamente abría o ano pasado neste mesmo escenario.
Como espectáculo familiar que é, no patio de butacas volvía haber moitos nenos pero tamén adolescentes e xente de todas as idades que desfrutaron de máis dunha hora dun xogo onde o ilusionismo, o teatro e a comedia se xuntan para contar a súa propia historia. Unha historia de magos, vencellada a un antepasado seu, o Conde de Waldemar a quen homenaxea co seu apelido, “que viaxou por 69 países facendo maxia”.
Un espectáculo ao que incorporaba algunha que outra novidade, e no que Marcos despregaba grandes doses de humor e moita pericia, interactuando co público e coas emocións. Unha vez máis, os asistentes riron, sorprendérose, emocionáronse e por suposto, divertíronse.

Fotos cedidas.
