Mugares (Toén) celebraba este sábado a segunda edición da Mostra Etno-Audiovisual dos Bens do Entroido (MEABE), unha iniciativa da Asociación Cultural Entroido de Mugares que “busca poñer en valor o patrimonio do Entroido a través do audiovisual e crear un espazo de encontro entre creadores, representantes de diferentes Entroidos e público”.
A xornada fusionaba memoria e tradición coa creación audiovisual e tiña como un dos seus primeiros momentos destacados a inauguración da nova Praza do Labardeiro, antes de trasladarse pola tarde ao Centro de Interpretación do Entroido de Mugares, en Meaba, para a sesión de proxeccións.
A nova Praza do Labardeiro
Os actos desta xornada comezaron ás 12:30 horas coa inauguración oficial da Praza do Labardeiro, situada diante da Fonte Medieval do Tellado, nun espazo que ata o de agora carecía de denominación propia. A praza atópase ademais a poucos metros da Praza do Eiró, un dos lugares emblemáticos da celebración do Entroido de Mugares.
“A elección do nome responde á vontade de recoñecer o valor histórico, cultural e identitario do Labardeiro, unha das figuras máis representativas do Entroido de Mugares e unha parte esencial do patrimonio inmaterial da parroquia”, segundo a asociación cultural.
O novo espazo sitúase, ademais, xunto á vivenda de Serafín Prieto, Labardeiro, de quen se conserva unha das fotografías máis antigas coñecidas desta figura, datada na década de 1960.
Tras o acto inaugural, dábase paso a un xantar de convivencia no Local Social de Mugares, no que se reuniron a organización, os creadores e equipos audiovisuais participantes, representantes do Entroido e representantes do Concello de Toén. O menú foi o tradicional cocido, o mesmo que se degusta neste lugar durante o Martes de Entroido, mantendo así o vínculo entre a actividade da mostra e a tradición gastronómica da parroquia.

O audiovisual como forma de coñecer e compartir o Entroido
Pola tarde, o protagonismo trasladouse ao Centro de Interpretación do Entroido de Mugares,onde se desenvolveu a sesión audiovisual da segunda edición da MEABE.
A programación reuniu propostas de catro categorías: documental, curtametraxe, campaña publicitaria e vídeo musical, achegando diferentes formas de representar e transmitir o universo do Entroido a través da creación audiovisual.
• La burra del Entroido de Tremor de Arriba, documental do Instituto de Estudios Bercianos, presentado por Manuel Travieso.
• O segredo do Fulión, curta documental de Miraballe Comunicación, presentada por Aimar Vega.
• En Galicia somos de Entroido, campaña publicitaria de Aceites Abril.
• Namoreime de ti, videoclip do artista verinés Pappaquino.
A participación directa das autorías permitiu que as proxeccións fosen moito máis ca unha simple sesión audiovisual. Ao remate de cada vídeo celebrouse unha pequena tertulia co público, na que as persoas asistentes puideron preguntar aos participantes sobre aqueles aspectos das obras que máis lles chamaran a atención, coñecer detalles dos procesos de creación e afondar nas historias que había detrás de cada proposta.
Neste sentido, a MEABE converteu a sala de proxeccións nun espazo de diálogo entre os creadores e o público, favorecendo unha experiencia máis próxima e participativa.
Unha sala chea e público de pé
A resposta da xente foi un dos aspectos máis destacados desta segunda edición. A sala de proxeccións do Centro de Interpretación do Entroido de Mugares encheuse completamente e chegou a superarse o aforo, polo que varias persoas tiveron que seguir as proxeccións de pé.
A afluencia de público permitiu comprobar o interese que esperta unha proposta que combina patrimonio cultural e creación audiovisual, e que busca achegar diferentes manifestacións do Entroido a través de formatos contemporáneos.
Agradecementos aos participantes
Aceites Abril, cuxa campaña publicitaria formaba parte da programación da MEABE, finalmente non puido enviar ningún representante á xornada por problemas de axenda. Como mostra de agradecemento pola inclusión da súa obra na mostra, a empresa agasallou á organización con botellas do seu aceite gourmet, detalle que foi entregado aos participantes.
Pola súa banda, Pappaquino tivo que cancelar todas as actividades que tiña previstas na súa axenda por motivos persoais, polo que finalmente non puido acudir á xornada, aínda que o seu videoclip formaba parte da programación anunciada.
Un peche compartido arredor da cultura popular
A xornada rematou no propio Centro de Interpretación cun tardeo aberto ao público, acompañado de viño da D.O. Ribeiro e aperitivos, nun ambiente de convivencia entre participantes, organización e veciñanza.
A MEABE 2026 deixa así unha xornada na que a memoria do Entroido estivo presente desde a mañá, coa inauguración da Praza do Labardeiro, e continuou pola tarde a través da imaxe, da creación audiovisual e do diálogo cos seus protagonistas.
Desde a Asociación Cultural Entroido de Mugares destacan a importancia de seguir creando espazos nos que o patrimonio do Entroido poida ser coñecido, compartido e reinterpretado mediante novas linguaxes, ao tempo que se favorece o encontro entre as persoas que traballan na súa documentación e difusión e o público.
A organización agradece a participación dos creadores e equipos audiovisuais, das persoas e entidades vinculadas aos Entroidos participantes, do Concello de Toén, da veciñanza e de todas as persoas que acudiron ao Centro de Interpretación e fixeron posible esta segunda edición da MEABE.
Unha segunda edición que, coa sala completamente chea e parte do público seguindo as proxeccións de pé, volveu demostrar o interese por compartir e descubrir o patrimonio do Entroido tamén a través do audiovisual.
Fotos cedidas.

