O Bañadoiro, en Vilamartín de Valdeorras, vivía unha tarde e noite de música moi especial o 3 de outubro. Este lugar, ás beiras do río Sil, convertíase en escenario da sétima estación do itinerario cultural V NOVE. Baixo o título, “Música no Camiño”, reuníase un programa que incluía a unha das bandas de referencia do pop español actual, Veintiuno. Actuaba arredor das once e media da noite.
Antes o público podía desfrutar do directo de dous nomes da escena galega: Eris Mackenzie, referente da nova música galega que mestura tradición e electrónica, e Mrs. Fine, o grupo de rock de O Barco que abría a noite. DJ Motto poñía ademais a música na apertura de portas, pinchando tamén entre as actuacións das bandas e pechando a xornada co último set da madrugada.

Numerosas persoas se sumaban a esta proposta musical. A entrada era gratuíta e o recinto contaba con carpa, foodtruck e barra para quedar ata o peche.
Un escenario no Camiño de Inverno
O lugar do concerto non é casual. O Bañadoiro é un dos grandes espazos de lecer de Vilamartín, á beira do Sil: un paseo baixo as árbores pola marxe dereita do río, unha ponte colgante metálica que o atravesa, zona de baño cun pantalán de acceso ao Sil, merendeiros, parque infantil, piscina e campo de fútbol. Foi completamente renovado en 2023, con novo aparcadoiro, senda peonil e carril bici.
“Pero é, sobre todo, un lugar de paso. O Camiño de Inverno, o itinerario xacobeo que entra en Galicia por Valdeorras, atravesa este espazo, que conta ademais co albergue municipal de peregrinos. Levar unha noite de música ata O Bañadoiro é, literalmente, poñer a música no Camiño: o mesmo lugar por onde pasan cada ano os peregrinos convertido, por unha noite, en escenario. É exactamente o que V NOVE quere ser”, aseguran os seus organizadores.

As dúas últimas paradas
10 de outubro · Concerto de De Vacas e visita guiada á adega, 18:00 h
Adega Roandi, Éntoma (O Barco de Valdeorras) · entradas xa á venda en Ton y Son e en Ataquilla.com · aforo limitado
25 de outubro · A ruta do mel, 11:00 h
Serra da Enciña da Lastra, Rubiá · prazas moi limitadas · entradas en Ton y Son e en contacto@vnove.es
Toda a programación, co mapa interactivo da comarca, en vnove.es. V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son. Música no Camiño conta ademais coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras.
Fotos: O SIL.

