Na mañá deste domingo 4 de outubro o Santuario de N. Sra. das Ermidas, no concello do Bolo, celebraba unha cita moi especial, a festividade da Virxe do Rosario, con cultos e tamén música en directo.

O ano pasado a encargada do apartado musical era a soprano e arpa Susana de Lorenzo que acompañaba a súa potente voz cunha arpa de cristal; e nesta ocasión era o Orfeón Trivés quen daba un exitoso concerto.
Presentado polo presidente da Confradía, José Vega, que lle daba as grazas por asistir e tamén mencionaba ao director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles ao que lle están agradecidos por apostar polo Santuario (tamén á Deputación representada pola delegada especial para Valdeorras María Carmen González), o coro interpretaba diante do altar varias pezas de música sacras e tamén temas populares: O sacrum convivium (Luigi Morfino); Kyrie (P. Janczak); Ubi Caritas (Ola Gjeilo); Adiemus (Karl Jenkins); Cantares (música de Joan Manues Serrat, poema de Antonio Machado e arranxos de Liliana Cangiano); e Tres cantos andinos (Dante Andreo).
De seguido era a quenda dos párrocos, que daban a benvida aos asistentes, moitos chegados dende diferentes partes da comarca que foron facendo a peregrinación, antes de comezar a procesión arredor do adro, seguida da misa na honra da Virxe do Rosario, harmonizada tamén polo Orfeón Trives que cantou a misa de D. Luis Olano, xa dende o coro, completando unha mañá de reencontros, rezos, música e “sobre todo, para volver a compartir xuntos un deses momentos que forman parte da vida e da historia do noso Santuario”, tal como indican dende a Confraría Nosa Señora das Ermitas, promotora dos actos.
O vindeiro domingo día 11 de outubro celebrarase a Octava na honra a Nosa Sra. do Rosario, con confesións ás 9 horas, misa de enfermos ás 10 e misa solemne ás 13 horas. Pola tarde, ás cinco e media Santo Rosario e ás seis exposición do Santísimo.




Fotos e vídeo: O SIL.
