OurenseÚltima hora

“Rebrota Silbina” completa o seu ciclo promocional do GDR Sil-Bibei-Navea cunha ruta por Parada de Sil e A Teixeira

 

Este sábado día 3 de outubro celebrábase a derradeira actividade do programa “Rebrota Silbina” nos concellos de Parada de Sil e A Teixeira, cun ciclo de xornadas de promoción dos valores naturais, patrimoniais e gastronómicos dos 10 concellos que integran o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea, entidade que promove este proxecto.

Así, a primeira hora da mañá do 3 de outubro, un grupo de 40 participantes, procedentes de diferentes partes de Galicia, eran recibidos na Casa do Concello de Parada de Sil por Francisco Magide, presidente do GDR e concelleiro de Cultura deste municipio.

 

 

Tras o saúdo e unha presentación do concello, o grupo partía a pé dende o propio campo da feira para realizar unha ruta interpretativa coa temática principal dos soutos centenarios de Parada, percorrendo un treito da PRG-198.

As persoas participantes marabilláronse e desfrutaron da espectacular contorna natural e o patrimonial do concello que tivo, como prato forte, a visita o senlleiro castiñeiro de Entrambosríos. Neste punto o grupo coñeceu da mans dos guías interpretes a importancia desta especie arbórea na historia, cultura e tradicións da provincia de Ourense e, moi especialmente, do concello de Parada de Sil, onde continúa a ser unha das actividades económicas máis importantes da zona.

Durante a visita ao castiñeiro tamén se fixeron xogos relacionados coa enorme pegada no idioma galego que ten o cultivo do castiñeiro. De volta á vila de Parada de Sil o grupo desprazábase ao veciño concello de A Teixeira, onde, acompañados pola concelleira de cultura Tamara Álvarez, visitaban e desfrutaban dunha cata na Adega Farragacho, explotación familiar de nova creación na Abeleda.

 

 

Ademais, visitáronse os viñedos e a adega, mentres María e familia atendían ao grupo con explicacións sobre a historia, o proxecto e o día a día do traballo na adega. Posteriormente Adega Farragocho agasallou as persoas participantes cunha cata de viño acompañada de productos da zona.

A xornada remataba no Bar Campelo, na localidade da Teixeira, onde María José e súa familia nos agardaban cunha esquisita degustación de produtos locais onde non faltaban as marmeladas de A Sazón, a tenreira da zona e por suposto unha xenerosa variedade de viños da Teixeira. Houbo tamén a disposición do grupo un
mercadiño de produtos locais para mercar o mellor da zona.

Fotos cedidas.

Back to top button