CD VianaDeportesFútbolÚltima hora

Primeira vitoria da tempada para o CD Viana tras vencer 3-1 ao Pabellón Ourense

 

Á quinta foi a vencida. Logo dun comezo de liga frouxo, o CD Viana sumaba na tarde deste domingo 4 de outubro a primeira vitoria da tempada, tras vencer 3-1 ao Pabellón Ourense.

 

 

Cun minuto de silencio polo falecemento da avoa dun dos xogadores, comezaba o encontro da quinta xornada na Segunda Fútgal Ourense, nun renovado campo municipal das Carrelas, unha das novidades do club para esta campaña, sendo Enzo quen abría o marcador co primeiro gol celeste da tarde no minuto 6. Dez minutos despois empataba o Pabellón rematando a primeira parte co 1-1.

 

 

Tralo descanso, os rapaces de Pirlo saían con enerxías renovadas, especialmente Enzo que marcaba o seu segundo gol no minuto 48. E xa no 86, preto do final, Iago sentenciaba o partido co terceiro gol local. Co 3-1 os vianeses suman os tres primeiros puntos, seguindo de momento na zona baixa da táboa.

 

 

No mesmo grupo xoga o CD Rúa, que vencía 3-6 ao SD Melías situándose no 5º posto da clasificación; e tamén o filial do CD Barco que gañaba 0-2 ao Paderne, sendo terceiro e o próximo rival para o Viana que terá de que desprazarse ata O Campiño de Viloira.

 

 

Fotos: O SIL.

Back to top button