O sábado 3 de outubro o club de orientación Our-O pechaba unha intensa xornada de competición en Porto do Son (A Coruña), onde se disputaban de forma simultánea a 8ª e última proba da Liga Galega de Orientación a pé e a 5ª proba da Liga Galega de Distancia Sprint. “Ata terras coruñesas desprazouse unha representación de 5 deportistas, quen asinou unha salientable actuación a pesar do esixente dobre esforzo requirido polo formato de competición en xornada de mañá e tarde”, aseguran dende o club valdeorrés.
Nas probas matinais, os deportistas do Our-O demostraron “un gran nivel competitivo”, logrando subirse ao máis alto do podio en varias categorías. Mauro Rodríguez Cruz era 1ª en Iniciación Curta e Brais Rodríguez Cruz 1ª en M-16; Izan Balboa Calvo 4º en M-12; Jesús Rodríguez 4º posición en M-21; e Pablo Aller 4º en M-55.
Malia o desgaste físico acumulado durante a mañá, os orientadores do club mantiveron o tipo e asinaron unha sólida participación nas probas de tarde. Brais Rodríguez Cruz lograba a 2ª posición en M-16; a mesma qeu Jesús Rodríguez en M-21; Izan Balboa Calvo repetía a 4ª posición en M-12; Mauro Rodríguez Cruz quedaba en 8ª posición en Iniciación Curta; e Pablo Aller en 6ª posición en M-55.

Recta final da tempada en Valdeorras
Con estas competicións en Porto do Son, o calendario galego encara a súa recta final con tan só catro probas pendentes para o peche de tempada, tres das cales terán como escenario a comarca de Valdeorras.
– 24 de outubro (O Bolo): Especialidade de Rogaining.
– 7 de novembro (mañá, A Rúa): Campionato Galego de MTB-Ou (Orientación en bicicleta de montaña).
– 7 de novembro (tarde, A Rúa): 6ª e última proba da liga Galega de Sprint.
Desde o club Our-O lembran que “todas estas citas incluirán percorridos de iniciación, polo que se anima a todo o público valdeorrés e afeccionados ao deporte a que se acheguen a descubrir e desfrutar desta fermosa disciplina ao aire libre”.
Fotos cedidas.
