
A Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva) pon en marcha unha nova edición do programa “Valdeorras Sostible” mesta semana. Trátase da terceira edición dun programa que conta co apoio da Deputación de Ourense a través do Inorde. O presidente de Aeva, Carlos Terán, destacou a boa acollida que tivo o apartado audiovisual do proxecto, polo que se lle quixo dar continuidade ofrecendo, desta vez, un maior protagonismo aos centros educativos e a creatividade do alumnado.
Se o guión do spot «O fío verde», realizado o pasado ano, foi o resultado dun concurso de relatos aberto a todo o mundo, nesta ocasión, as historias sairán dos centros de secundaria da comarca onde se celebrarán unha serie de obradoiros prácticos para que a rapazada deseñe as súas propias ideas de negocio. Dese proceso de creación e análise, a coordinadora da actividade extraeranse historias para un novo spot baixo a premisa dunha «próxima apertura», que é precisamente o final do spot do 2025.
Á actividade sumáronse catro centros educativos da comarca: Colexio Pablo VI e IES Cosme López da Rúa, IES Lauro Olmo e Colexio Divina Pastora do Barco. En total participarán preto de cen estudantes de cuarto de ESO e dos Ciclos Medios de Perruquería, Electricidade, Automoción e Informática.
A primeira sesión do programa consiste nunha presentación do proxecto e no plantexamento dun reto: idear un negocio ou comercio que desenvolverían na comarca. Despois, deberán defender a viabilidade do seu negocio nun seminario prácticol.
O obxectivo destas sesións formativas “é fomentar no alumnado unha actitude creativa e de iniciativa emprendedora, coa que sexan capaces de analizar a súa realidade circundante sentíndose parte activa do territorio”, segundo Aeva.
Ademais diso, empregaranse as propostas de negocio máis atractivas para elaborar un spot que conecte co da edición 2025 e no que a rapazada poda participar activamente do proceso de guionización produción e gravación. Ademais da aprendizaxe, os equipos que propoñan as historias seleccionadas recibirán unha gratificación de 50€ en vales de Aeva para gastar nos negocios asociados.
Unha vez definidos os guións, dende Aeva convocarase un casting de participación aberto, ao que xa se poden postular negocios e veciñanza a través do correo electrónico aevaformacion@gmail.com. Esa gravación terá lugar na última quincena de outubro para despois estrear o resultado nun evento público.
