
A Deputación de Ourense continúa consolidando o seu Plan Provincial de Vivenda como unha das ferramentas da institución para incrementar a oferta de alugueiro e contribuír á fixación de poboación no territorio. A Xunta de Goberno resolveu hoxe a segunda convocatoria do programa, que destina 746.997,35 euros a 20 concellos para adquirir, rehabilitar ou mellorar inmobles destinados ao alugueiro residencial.
O presidente provincial, Luis Menor, salientou que esta segunda edición supón un novo avance dunha política que “permite actuar sobre un dos retos fundamentais para o futuro do rural: dispoñer de vivenda para que quen queira vivir nos nosos concellos poida facelo”.
As axudas chegan aos concellos de Bande, Cartelle, Cualedro, Monterrei, A Peroxa, Ramirás, Taboadela, Vilamarín, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Vilar de Santos, Verea, A Bola, Rairiz de Veiga, Carballeda de Avia, Riós, Muíños, Avión e Toén.
As actuacións subvencionadas abranguen desde a adquisición de inmobles ata a rehabilitación de vivendas municipais, antigas escolas ou outros edificios públicos, ademais de obras de acondicionamento e mellora da eficiencia enerxética. As achegas alcanzan en numerosos casos os 40.000 euros por proxecto.
Preto de 1,25 millóns nas dúas primeiras convocatorias
Menor lembrou que esta é xa a segunda edición do Plan Provincial de Vivenda. Sumada á primeira convocatoria, dotada con 500.000 euros e que chegou a 14 municipios, a Deputación mobilizou 1.246.997,35 euros para 34 actuacións municipais.
“O Plan naceu para dar unha resposta concreta a un problema que coñecen moi ben os nosos alcaldes: temos persoas interesadas en vivir nos concellos e, ao mesmo tempo, temos inmobles sen uso que podemos recuperar. O que estamos facendo é contribuír a conectar esas dúas realidades”, explicou o presidente provincial.
Esta aposta terá continuidade e gañará peso no próximo exercicio. Menor recordou que o Pleno acordou o pasado mes de xullo elevar ata 1,5 millóns de euros a dotación do Plan Provincial de Vivenda para 2027. A ampliación incorporará 300.000 euros para asistencia técnica especializada aos concellos, destinada aos labores de investigación, identificación e regularización xurídica, rexistral e catastral de vivendas e edificacións en situación de ruína ou abandono, así como á tramitación dos correspondentes expedientes municipais.
Esta asistencia cobrará especial relevancia naqueles casos nos que as persoas propietarias sexan descoñecidas ou falecesen, non poidan ser localizadas ou existan herdanzas sen formalizar. “Non abonda con ter recursos para rehabilitar vivendas se antes un concello non pode determinar a titularidade dun inmoble ou regularizar a súa situación. Por iso en 2027 damos un paso máis: ademais de recuperar vivenda, queremos ofrecer aos concellos as ferramentas técnicas necesarias para poder mobilizar patrimonio que hoxe permanece abandonado”, sinalou Luis Menor.
Máis de 1,12 millóns de euros en novas axudas
O Plan Provincial de Vivenda foi un dos principais asuntos dunha Xunta de Goberno que abordou 23 expedientes e aprobou axudas por un importe global de 1.126.498,71 euros.
Dentro das convocatorias en concorrencia competitiva, que suman 848.182,04 euros, a Xunta de Goberno resolveu tamén as axudas para investimentos das asociacións veciñais da provincia, que distribúen 99.999,99 euros entre 63 entidades, destinados fundamentalmente á mellora e equipamento dos seus locais.
A terceira resolución corresponde á nova convocatoria creada este ano pola Deputación para apoiar a formación de técnicos deportivos ourensáns. Nesta primeira edición concédense 1.184,70 euros a catro técnicos, para accións formativas relacionadas co patinaxe artístico, balonmán, atletismo e natación.
278.316,67 euros para concellos e entidades
A Xunta de Goberno aprobou ademais dez subvencións a concellos por 252.116,67 euros. Destínanse 90.548,65 euros a Allariz, a través de dúas achegas para a renovación do pavimento asfáltico e a mellora do espazo público; 52.061,74 euros a Monterrei para o cofinanciamento da vivenda dos mestres de Medeiros; 50.990,99 euros a Montederramo para obras de pavimentación; e 30.515,29 euros a Castro Caldelas para a instalación de paneis solares e a mellora da eficiencia enerxética.
Completan este bloque unha achega de 8.000 euros a Xunqueira de Espadanedo para o Festival Xucrea e catro subvencións de 5.000 euros aos concellos da Arnoia e Cenlle para as edicións de 2025 e 2026 de Espírito Ribeiro.
No ámbito das entidades, aprobáronse outros 26.200 euros para a Asociación de Viúvas María Andrea, a Asociación Xuvenil-Cultural Banda de Gaitas de Cea, a Asociación Veciñal Gutier Menéndez e a Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal “Colleiteiros”.
A sesión incluíu tamén cinco modificacións do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais de 2026, relativas a actuacións nos concellos de Baltar, Piñor, San Xoán de Río, Trasmiras e A Veiga.
Coas novas axudas aprobadas hoxe, a Deputación alcanza os 9.778.186,40 euros mobilizados a través das Xuntas de Goberno desde o pasado 17 de agosto, preto de 9,8 millóns de euros en apenas mes e medio.
