O Hospital Universitario de Ourense súmase hoxe á xornada dedicada a dar visibilidade á vida cunha ostomía, cunha mesa informativa e un taller de relaxación para pacientes, actividades organizadas desde a Consulta de Estomaterapia, enlace directo cos pacientes e as súas familias.
O lema deste ano “Máis vida, máis posibilidades” centra a atención na importancia de visibilizar e normalizar a realidade coa que conviven centos de persoas, que deberon someterse a esta intervención, ben para sobrevivir a unha patoloxía oncolóxica, ou ben para vivir cunha enfermidade inflamatoria intestinal.
A iniciativa serve ademais de punto de encontro entre os pacientes, e permite dar visibilidade a unha realidade sobre a que aínda pesa o estigma. Os encontros axudan especialmente aos pacientes “novos” pero tamén aos máis veteráns, que poden compartir experiencias ou problemáticas.

Visibilidade para loitar contra os prexuizos
Este é o caso de Lola e Toña, pacientes con máis de vinte anos de experiencia convivindo cunha ostomía, ambas supervivintes de cancro. Para Lola, 24 anos despois da súa ostomía, a clave é “ir adaptándose” para facer de novo unha vida o mais normal posible, “sempre fun unha persoa moi disciplinada, o que axuda para coidarme, especialmente coa alimentación”, mentres que Toña, con 20 anos de experiencia, comenta a modo de broma que levar bolsa obriga a “levar outra sempre como a das nais que saen a rúa cos bebés, para calquera emerxencia”.
Ante un cancro de colon, a bolsa é moitas veces a alternativa para seguir viva, pese a elo a súa realidade enfróntase aos prexuízos. Toña lamenta que unha vez de volta en casa, e con pouco máis de 40 anos, tivo que enfrontar o rexeitamento dalgunhas persoas, “chegaron a dicir que iso da bolda daballes noxo, como se non fose xa duro abondo”. Mónica, asinte ao que comentan as súas compañeiras, con 52 anos é a máis nova do grupo e tamén afrontou o cancro con pouco máis de corenta anos.
Algúns pacientes, como Lola, poden beneficiarse de novas alternativas como as irrigacións, ou lavados, que permiten “programar” o baleirado intestinal. Non é apto para todos, polo que é preciso facer unha selección rigorosa, pero en casos concretos pode facilitar o control das evacuacións, ou empregar un dispositivo máis pequeno entre irrigacións. Unha vez aprendida a técnica, o lavado pode realizarse na casa.
Unha consulta para acompañar antes e despois da intervención
O Hospital Universitario de Ourense conta, desde 2018, cunha Consulta de Estomaterapia, dirixida pola enfermeira especialista en estomaterapia, María Riveiro, dedicada ao coidado das persoas portadoras dun estoma. A atención comeza antes ou durante o ingreso hospitalario e continúa despois da alta, para resolver dúbidas e facilitar que cada paciente aprenda a realizar os seus coidados.
Este seguimento inclúe orientación sobre o manexo das bolsas e outros dispositivos, así como sobre alimentación, sexualidade ou práctica deportiva. A enfermería especializada constitúe unha referencia para os pacientes e as súas familias durante o proceso de adaptación, que implica cambios físicos, emocionais e sociais.
Coidados, autonomía e apoio mutuo
Unha ostomía é unha intervención cirúrxica que crea unha abertura, chamada estoma, para permitir a saída das feces ou dos ouriños, cando non é posible facelo pola vía natural. Nas ostomías de eliminación, unha bolsa adherida ao abdome recolle estes residuos. Segundo a enfermidade e a evolución do paciente, pode ser temporal ou definitiva.
Ademais dos coidados especializados, o apoio doutras persoas que atravesaron unha situación semellante pode axudar a afrontar os cambios. Con este propósito, a unidade puxo en marcha en 2024 un Grupo de Axuda Mutua para pacientes ostomizados, familiares e coidadores, como espazo para compartir experiencias, dúbidas e apoio emocional.
