
O outono chega a Valdeorras cunha programación de actividades que invita a descubrir a comarca a través dos seus viñedos, as súas paisaxes, o seu patrimonio e a súa cultura vitivinícola. Durante o mes de outubro desenvolveranse diferentes propostas que combinan natureza, viño, patrimonio e experiencias culturais. As actividades, promovidas dende a Ruta do Viño de Valdeorras, contan coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e todas elas dispoñen de prezos promocionais.
Dentro desta programación, o 10 de outubro terá lugar a experiencia «Viñedos e Viños Dourados», unha proposta de Godeval para achegarse ao patrimonio natural e cultural vinculado á traxectoria desta adega, situada en Xagoaza (O Barco).
A actividade, cunha duración aproximada de 2,5 horas, comezará ás 11:30 horas e terá unha capacidade máxima de 15 persoas. O percorrido permitirá coñecer viñedo, adega, o Mosteiro de Xagoaza e Cova, alén de participar nunha visita guiada e unha cata de catro viños acompañados de produtos locais.

Segunda edición de «Percorre Valdeorras»
Os días 10 e 11 de outubro terá lugar unha nova ruta da segunda edición de «Percorre Valdeorras», unha iniciativa que propón percorrer diferentes lugares da comarca e descubrir o seu patrimonio, as súas paisaxes e a súa cultura vitivinícola. O itinerario inclúe paradas en espazos como As Ermidas, O Bolo, Larouco, A Rúa e Petín , alén de diferentes visitas e experiencias vinculadas ao mundo do viño. A actividade ten un prezo de 70 euros por persoa, e inclúe transporte, guía, comida e catas.
Para quen queira aproveitar a proposta para realizar unha estancia de fin de semana en Valdeorras, existen ademais ofertas especiais de aloxamento en establecementos asociados á Ruta do Viño Valdeorras. Estas promocións e as condicións de cada establecemento poden consultarse na páxina web da Ruta do Viño.
Historias e lendas para pechar o mes no Castelo do Bolo
A programación de outubro finalizará o 31 de outubro cunha actividade especial no Castelo do Bolo. A proposta estará vinculada á narración oral, ofrecendo unha forma diferente de achegarse ao patrimonio e á memoria cultural. Exponse como unha experiencia para público xeneral, na que a contorna do castelo será o escenario para recuperar e compartir relatos vinculados á tradición. Os detalles desta actividade, incluído o horario e o sistema de inscrición, daranse a coñecer proximamente.
Unha programación para vivir o outono en Valdeorras
Con esta programación, a asociación ofrece durante o mes de outubro diferentes xeitos de achegarse á comarca e desfrutar dunha época especialmente atractiva para coñecer as súas paisaxes e viñedos.
Natureza, sendeirismo, visitas a adegas, catas, patrimonio e narración oral conforman unha programación que busca poñer en valor os recursos do territorio e xerar novas experiencias ao redor da cultura do viño. Todas as actividades contan con prezos promocionais e as prazas están suxeitas ás condicións e capacidades establecidos para cada proposta que poderán consultarse na web do roteiro no apartado de experiencias.
