OurenseÚltima hora

A Escola de Artes e Oficios da Deputación abre o curso cun récord de matrícula de 295 alumnos

 

Na tarde do martes 6 de outubro, a Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense celebraba a apertura do curso académico 2026-2027 cun récord de matrícula, “295 alumnos inscritos nas súas diferentes disciplinas”.

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou no acto de inicio dunha nova etapa formativa “que confirma o crecente interese pola aprendizaxe artística e polos oficios tradicionais”, recalcou, afirmando que con este novo curso, “a Escola de Artes e Oficios consolida o seu papel como espazo de formación e creación artística, ao tempo que contribúe á conservación e transmisión dos coñecementos vinculados aos oficios tradicionais”.

O centro ofrece clases de debuxo e pintura, talla en madeira, modelado en barro e oleiría. A súa actividade vén rexistrando un notable crecemento, especialmente desde que a institución provincial apostou por ampliar o horario docente, duplicando a dispoñibilidade do profesorado e facilitando así o acceso de máis persoas a estas ensinanzas. As clases impártense en horario de tarde, entre as 16 e as 21 horas, con diferentes grupos de traballo organizados en función da matrícula e da dispoñibilidade do alumnado. Debuxo e pintura é a especialidade con maior número de inscritos, seguida de oleiría.

A formación nas aulas complétase coa difusión pública dos traballos realizados. Nos últimos anos, o alumnado protagonizou sucesivas exposicións na Biblioteca Pública de Ourense Nós e nas salas do Centro Cultural Marcos Valcárcel, achegando á cidadanía o resultado da súa aprendizaxe e a diversidade de técnicas que se traballan na escola.

Back to top button