PolíticaÚltima hora

Domingo Díaz Docampo presenta este venres a súa candidatura á alcaldía de Petín co PSdeG-PSOE

 

Domingo Díaz Docampo presentará este venres a súa candidatura á alcaldía de Petín para as eleccións municipais de 2027, despois de ser elixido pola Executiva Local do PSdeG-PSOE, tal como indican dende o partido. “Un paso adiante” será a idea central dunha candidatura que quere “continuar avanzando a partir do traballo realizado nos últimos anos e, ao mesmo tempo, abrir unha nova etapa con novas ideas, novo equipo, novos retos e novas oportunidades para o municipio”.

O candidato socialista presentará un proxecto “construído arredor dunha idea fundamental, Petín ten unha base sobre a que avanzar e un enorme potencial que aínda pode ser aproveitado”, indica o propio Docampo para quen “o patrimonio, a paisaxe, a actividade agraria e vitivinícola, a cultura, o turismo e, sobre todo, as persoas e o seu talento”, constitúen os principais activos sobre os que construír o futuro do municipio.

Un paso adiante para Petín

Tal como avanza propio Domingo, a candidatura “traballará a partir de diferentes prioridades, entre elas fixar poboación, ampliar e mellorar os servizos e calidade de vida, desenvolver políticas de vivenda, diversificar a economía local, mellorar a atención ás persoas en situación de vulnerabilidade e dependencia e atraer talento, actividade e investimento”. Unha candidatura marcada tamén pola súa traxectoria profesional e persoal. Nado en Petín en 1967, Domingo Díaz é produtor e director audiovisual e está á fronte de SocialDocs, desde onde desenvolveu proxectos vinculados á educación, a memoria, a cultura e a transformación social. “Petín coñézoo desde dentro. Pero tamén tiven a oportunidade de coñecer outros lugares, outras experiencias e outras formas de facer. Creo que esa mirada pode axudarnos a identificar oportunidades que ás veces non vemos desde dentro”, afirma.

Unha candidatura aberta á veciñanza

Díaz Docampo quere que a súa sexa unha candidatura aberta, na que a participación da veciñanza teña un papel fundamental. Durante os próximos meses, o equipo socialista pretende manter encontros con diferentes sectores da sociedade local para escoitar propostas, identificar necesidades e incorporar novas ideas ao programa electoral. “Quero que esta sexa unha candidatura que escoite. Que fale coa xente e que conte coa xente. O futuro de Petín non o pode deseñar unha soa persoa nin un só grupo: temos que construílo entre todos e desde Petín”, destaca.

“Petín é o meu pobo. Coñezo as súas fortalezas, os seus problemas e, sobre todo, a enorme capacidade da súa xente. Quero dar un paso adiante para traballar por ese futuro e facelo contando coa veciñanza”, conclúe Domingo Díaz Docampo.

Back to top button