Os retos e numerosas oportunidades dun material natural e de gran durabilidade como é a lousa no escenario actual, un momento cambiante na arquitectura e na construción, onde cobran especial protagonismo a sustentabilidade, a descarbonización, eficiencia enerxética, a adaptación ao cambio climático, a industrialización e os novos sistemas construtivos, ademais da necesidade do avance en materia de normativa urbanística. E iso sen renunciar a tradición e ao engado estético da lousa. Arredor destas cuestións xiraba na mañá deste 9 de outubro a segunda edición da xornada técnica “Arquitectura, Construción e lousa en Valdeorras: un diálogo cara o futuro de Ourense”, promovida polo Clúster da Pizarra de Galicia e patrocinada pola Deputación de Ourense.
Este foro, que tiña como escenario o Centro Cultural Marcos Válcarcel da cidade das Burgas, inaugurábase a partir das 11:30h. da man do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, e do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

“No 2025 iniciábamos estas xornadas que queren ser especialmente técnicas, onde poidamos dialogar e discutir sobre a arquitectura, a construción e loxicamente a lousa, que significa este material dentro do ámbito da construción, que relevancia pode ter non só a presente, senón a futuro, e ver o escenario e os desafíos que nos espera proximamente”, comentaba o presidente do Clúster. Ademais lembraba que “a lousa é un sector clave en Galicia, en Valdeorras e en Ourense, que é a primeira provincia produtora de lousa e a súa relevancia é fundamental”.

Pola súa banda, o delegado da Xunta en Ourense referíase ao estreito vínculo entre Valdeorras e esta pedra natural. “Se hai unha terra na que a relación entre a paisaxe, o traballo e a identidade se pode ver e tocar esa é Valdeorras. Entre montañas e viñedos, a lousa forma parte da súa paisaxe dende sempre está nas entrañas da terra, pero tamén está enriba das nosas casas, está nas canteiras, na memoria de moitas familias, está no territorio, pero tamén viaxou polo mundo. E detrás de cada peza de lousa que sae de Valdeorras hai moito máis que unha actividade industrial, hai coñecemento, hai esforzo, hai empresas e traballadores, hai familias e unha historia construída ao longo de moitas décadas, por iso falar de lousa é falar de territorio, e falar de territorio é falar de futuro”.


E, quizais por iso, engadía, “esta xornada ten tanto sentido. Hoxe non nos reunimos só para falar dun material, senón para preguntarnos que queremos facer con el a partir de agora, a arquitectura está cambiando e a construción e a sociedade tamén”. Finalmente, Pardo apelaba ao diálogo necesario, para avanzar nese futuro, “entre a industria e a arquitectura, entre a experiencia e o coñecemento, entre a tradición e a innovación, entre a empresa e a universidade, entre o territorio e o futuro. Ningunha transformación importante se pode realizar en solitario”.

Carlos Quintáns: “Ábrese un futuro moi interesante para a lousa que xa é presente”
A partir de aí dábase paso ao primeiro dos relatorios, titulado “A lousa agora”, a cargo de Carlos Quintáns Eiras, profesor do Departamento de Construcións Arquitectónicas na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Comeza lembrando como comezaba o seu interese pola lousa, co seu primeiro proxecto arquitectónico con lousa puída. “Sempre tiven unha relación moi intensa coa expresión do material, coa utilización, coa técnica…” e que vincula cunha arquitectura “responsable” e durable. E logo como se foi desenvolvendo a súa relación con ela a través de diversos proxectos co Clúster da Pizarra de Galicia, como é o caso de varias publicacións e exposicións.
Recordaba tamén o intre no que a lousa pasa á “arquitectura cultural”, coa chegada a mediados do século XVI, cando Felipe II vén a España e trae “unha arquitectura que necesitaba dun material como a lousa” e coa encarga do proxecto do Escorial a Juan de Herrera, que “achega toda esa influencia da arquitectura de lousa que el vivira na zona de Flandes, pero tamén se podía atopar en Francia e Inglaterra”. E rastrexaba esa arquitectura ligada á lousa en cadros da época de autores tan relevantes como Veermer ou Brueghel O Vello e Brueghe o Novo. No caso de España o Escorial e outros edificios vinculados á nobreza, “son clave para entender a rotundidade e a claridade coa se pode traballar coa lousa, que se pode ver de mil xeitos”.
Ademais explicaba o seu interese por buscar a orixe da análise da construción con lousa a través de gravados, enciclopedias e tratados tamén a partir do século XVII, XVIII e XIX, “coetáneos coa enciclopedia de Diderot e D’Alambert, que para min é unha fonte de información sen límite, é a expresión ademais técnica de todos os oficios que naquel momento se realizaban, realmente moi significativos. E púxose o foco por primeira vez que traballaban, nas persoas que estaban ocultas”. Imaxes, “froito do descubrimento ano a ano desta documentación, con todos os detalles das ferramentas, os procesos de colocación, a relación entre a lousa e a estrutura e a forma xeométrica na que se pode colocar, os temas de remates, de ventilación… Son moi significativos incluso para transmitir o coñecemento do que é a forma de traballo da lousa e da colocación na arquitectura”, dicía.
Tamén proxectaba unha serie de fotografías realizadas por Juan Rodríguez e coas que “queríamos contar como é o lugar dende o que se extrae a lousa e contalo a través de diversos momentos nos que podemos achegarnos o suficiente para ir vendo como esas frontes son extraordinariamente ricas en matices, en materiais, en pegadas, na aparición de óxidos de arrastres de pedras, a expresión do corte, da humidade… as imperfeccións da lousa que nos dan situacións moi interesantes”. E outra escolma de fotografías de diferentes formatos.
A partir de aí achegábase ao uso da lousa na arquitectura contemporánea e no seu potencial actual e futuro. “Hai que documentar e expresar que a lousa é un material moi significativa e cunha capacidade expresiva moi alta e que nolas estabamos perdendo”. E incidía en que se abre “un futuro moi interesante para a lousa, que xa é presente”.

Daniel Hermosilla: “Na construción industrializada a lousa debe ir a ombros doutro material”
“O que soñas de neno, non deixas de selo no resto da túa vida. E eu sigo sendo un neno que soñaba coas canteiras”, comezaba dicindo o segundo ponente das xornadas, o valdeorrés Daniel Hermosilla Hermida, aparellador técnico, conselleiro delegado do Grupo Rodiñas, un referente nos prefabricados do formigón e vicepresidente do Clúster da Construción de Galicia. Medraba vendo o “lendario banco do Castañeiro”. E falaba de como evolucionaba a súa relación coa lousa, na que tamén traballou, unha actividade “que me permtiu estudar”.
A partir de aí referíase á vinculación que pode haber entre a lousa e a construción industrializada e ao gran potencial que este material pode ter nela. “A construción industrializada non ten que ver co material en si, é un tema de concepto, de filosofía, de enfoque do proceso construtivo, pódese industrializar con calquera material. Pero a cuestión é que non se trata de industrializar un só material, senón de como conseguir elaborar produtos o máis complexos posibles que saian de factoría e que poidan combinar, hibridar diferentes materiais”. Hermosilla explicaba que no Grupo Rodiña teñen a vontade, “non só de cinguirnos ao propio material, que é o formigón, senón tratar de explorar buscando nas novas tendencias, nas novas necesidades de descarbonización, buscar outros materiais que nos poidan acompañar”.
E nesa liña estarían a madeira, pero tamén a lousa. “A lousa é un elemento de recobremento, de acabado, non como o formigón que pode funcionar como estrutura. Polo tanto, na industrialización a lousa debe ir a ombros doutro material, e por iso é necesario dialogar, buscar conexións con outros sectores. A dificultade non está na tecnoloxía, nin nos elementos, senón en nós. E aí a está a vantaxe: nós podemos vencer esa diicultade, temos que relacionarnos de forma aberte entre nós. De feito, en Galicia temos os vimbios para iso: temos a lousa, o formigón, tamén a madeira, o aluminio… grandes empresas e sectores de referencia, os clústers de cada un deles e o da construción, que os reúne a todos, temos que crer nel e vernos con vontade de apostar e construír”, resaltaba Hermosilla.

Incorporar a lousa e outros materiais á construción industrializada implica, proseguía, “ir creando redes entre os sectores e entre as empresas, un ecosistema nos próximos anos, pero tamén relacionarse coas universidades, cos laboratorios, cos profesionais… Debemos ir sumando cuestións, aí está a clave”.
Para Hermosilla a lousa precisa dun relato “no que penso que hai dúas patas. Por unha banda, un relato de identidade, que cando vexamos unha peza de lousa poidamos observar nela os valores da xente que fixo esas explotacións e que a traballou… Unha identidade que forma parte da nosa cultura”. E, en segundo lugar, “necesitamos hibridar o sector coas escolas de arquitectos e aparelladores”. O que, ao mesmo tempo, supón ter “unha marca de modernidade e poder incorporar á lousa á arquitectura da modernidade”.
E, como exemplo da entrada da lousa na construción industrializada citaba un proxecto realizado por Rodiñas en Oleiros, con lousa en paneis de formigón. “Temos en marcha máis proxectos, un deles en Valdeorras que pretende ser demostrativo do uso deste material neste tipo de construción”. E finalizaba, parafraseando a Álvaro Cunqueiro, ao desexar “mil primaveras máis para lousa”, un material que considera “eterno, esa é a auténtica sositiblidade”.

Cristina García Fontán: “Hai que reconstruír o relato contemporáneo da lousa”
“A lousa e o planeamento: normativa, paisaxe e convivencia de materiais” era o título do relatorio que pechaba o programa desta segunda xornada técnica da lousa en Ourense. Impartíao a arquitecta Cristina García Fontán, profesora no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e vogal da Agrupación Galega de Arquitectos Urbanistas (AGAU).
García Fontán abría a súa intervención recordando que hai 26 anos lograba o seu primeiro premio en arquitectura nun concurso convocado pola Asociación Galega de Pizarristas, cando estaba en sexto de carreira. “De aí a relevancia da relación entre os produtores de materiais, os sectores e a universidade”. A partir de aí iniciaba unha exposición sobre a prescrición dun material, a súa integración da paisaxe e as normativas urbanísticas coas súas diversas implicacións e limitacións. Facía un repaso pola evolución da lexislación neste ámbito, cun cronograma do planeamento entre os anos 1990 e 2026, coa incorporación do concepto da paisaxe e trazando a súa evolución e tamén falaba da dualidade tella-lousa en Galicia. Tamén lembraba que para os prescritores o planeamento é lei.
E, para avanzar no uso da lousa como material, “aí temos un labor que facer dende a AGAU para establecer esas cuestións de comunicación, das que non depende corporativamente ningún material, senón que a discrecionalidade técnica debe ser trazable tamén, non é que exista unha interpretación do planeamento, o problema é cando non podemos reconstruír tecnicamente como se chegou a esa interpretación”, comentaba.
Esta arquitecta tamén apuntaba que “se traemos á lousa ao momento actual, temos un recurso local levando a este discurso dos obxectivos do desenvolvemento sustentable, onde o que sería un material local de baixa transformación, durable e resiliente, con eficiencia enerxética e baixa pegada de carbono , como parte da economía circular e como parte da paisaxe e identidade cultural”. Consideraba ademais que “hai que reconstruír o relato contemporáneo da lousa e é moi importante tamén levar á Universidade, levar a esa colaboración entre diferentes sectores” e apostaba pola convivencia entre diferentes materiais, “xa tradicionalmente se utilizaba a lousa de forma combinada, partindo do tradicional podemos chegar a solucións moi contemporáneas e moi novas, que compoñan a identidade tamén do século XXI”.
Para García Fontán convén “traballar a lousa non só dende un enfoque do material en si mesmo, senón en como se comporta en todo o seu ciclo de vida e pensar como insertamos ou reinsertamos este material na súa circularidade completa, como elaboramos o discurso dende a extracción, a transformación, a construción, o uso, o mantemento a desmontaxe e a reutilización, como algo clave para todo este novo paradigma. E o urbanismo dalgunha forma ten que regular e ten a capacidade tamén de traballar con todo este proceso e estes procesos de circularidade que agora son tan necesarios na construción”.
E remataba sinalando que “hai que intentar chegar dende o material pescrito ao territorio comprendido como parte dun proceso de construción da nosa identidade actual e da nosa paisaxe”.

Clausura a cargo do director xeral de Planificación Enerxética e Minas
A xornada finalizaba cun acto de clausura no que o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, agradecía “a asistencia e apoio ao sector. Esperamos en próximos anos continuar con esta xornada e ir mellorándoa progresivamente, e agradecer especialmente aos tres ponentes as súas intervencións que me chegaron de cerca, porque nótase o agarimo que tedes pola lousa”. E, a modo de conclusións, resumía algunhas das ideas máis repersentativas das súas exposicións.
O acto clausurábao o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen aseguraba que “nesta xornada puidemos apreciar visións complementarias e enriquecedoras, falouse da realidade actual deste material, dos desafíos aos que debe fronte na construción industrializada e tamén na necesaria integración entre o que é a normativa, paisaxe e a convivencia de materiais. Abordáronse temas que son fundamentais para saber cara onde tira este material, que resulta esencial na nosa economía”.


Para Fernández Vila “falar de lousa non é falar unicamente dun recurso natural ou dun material construtivo. En Galicia cando falamos de lousa falamos de identidade económica, industrial e territorial, é a historia dun esforzo colectivo, o coñecemento acumulado ao longo de xeracións e, por suposto, unha capacidade exportadora que converte a esta comarca, a esta provincia e a nosa comunidade autónoma nun referente internacional. A lousa está no noso ADN e dende logo consideramos que é unha mostra de que xa xera unha auténtica cadea de valor”.
Así mesmo, indicaba que “cando estamos nunha posición de liderado, ese liderado non se mantén por inercia, senón que é preciso seguir innovando e aí temos esas evolucións dentro do sector que estamos apreciando continuamente”. O director xeral insistía en que o futuro de Ourense pasa por “fortalecer sectores como este, capaces de competir nos mercados internacionais sen perder a súa vinculación coa terra, compartir coñecemento, anticipar retos, construír alianzas son cuestións esenciais e que dende logo foron abordadas en xornadas como a de hoxe”.

E acababa afirmando que “o camiño para o futuro está claro que esixirá esforzo, innovación e visión estratéxica e por iso si que me gustaría reiterar o agradecemento ao Clúster por compartir esa visión coa Xunta de Galicia e tamén con outras administracións como a Deputación á hora de celebrar xornadas coma esta. Animo a que sigamos traballando xuntos para que a arquitectura, a construción e a lousa continúen sendo motores de progreso para Valdeorras, para Ourense e para a nosa comunidade autónoma”.
Texto: A.R.
Fotos e vídeos: O SIL.



