
Luíntra vivía este 11 de outubro décima edición do Trail Ribeira Sacra (TRS). Ás 8.00 horas, todavía de noite e cos frontais acesos, máis de 500 corredores tomaban a saída para afrontar os 48 quilómetros e 3.450 metros de desnivel positivo dunha proba que en dez anos pasou de ser un soño local a unha cita do calendario internacional.
Unha mañá de sol acompañaba ás persoas participantes polo Miradoiro da Lampa, o Parador de Santo Estevo, A Rasa, Pé do Home, Outeiro do Voadeiro e Pombar antes do regreso a Luínsa.
Desta volta, en categoría masculina, a vitoria foi para Jesús Gil García , que cruzaba a meta en 05.09:18. Acompañábano no podio Alejandro Mayor Guzmán (05.25:28) e Gabriel Zarrete Vilela Vilela (05.27:32).
En categoría feminina impúxose Carolina Niño, cun tempo de 06.29:22, por diante de Lucía Peón Santomé (06.54:04) e Cristina Sellers Asensio (06.58:17). A décima edición contaba coa maior participación feminina da súa historia, con 106 mulleres rexistradas.
“É unha carreira á que lle collín moito cariño, trátanme super ben e sempre o digo, aquí virei a correr ou como voluntario”, dicía Jesús Gil tras cruzar a meta.

A canteira, na saída
Por primeira vez, o TRS abría a xornada á infancia e á mocidade. Ás 11.00 horas tomaron a saída os mozos de 10 a 17 anos en TRS Rapaces, sobre 1,3 quilómetros, e ás 11.30 horas foi a quenda da rapazada de 0 a 9 anos en TRS Cativos, con 800 metros de percorrido. Dúas carreiras lúdicas e non competitivas que encheron Luíntra de familias e que, como recordaba o presidente na presentación, demostran que o futuro do trail na Ribeira Sacra empeza por elas e eles.
Dez anos de espírito TRS
A xornada gardaba unha sorpresa. A organización rendía homenaxe a Chus Ojea, Rubén Calvo e Paulino de Abreu, as tres persoas que finalizaron as dez edicións do Trail Ribeira Sacra. Facíalles entrega dun recordo polo devandito fito e recibían a ovación de todos os presentes.
Diego Novelle, presidente do grupo organizador, quixo agradecer o esforzo de todas as persoas que fixeron posible a décima edición. “Hoxe vivimos o que é o TRS: unha carreira, si, pero sobre todo unha gran familia. Grazas a cada corredora e cada corredor, aos máis de cen voluntarios e voluntarias, aos veciños e veciñas que saen a animar e ás institucións que nos acompañan. Dez anos despois, o espírito TRS segue máis vivo que nunca”.

Tras a entrega de premios, a #GastroexperienciaTRS enchía a Praza Maior de Luíntra ata as 19.30 horas, con varias estacións de degustación, sete selos de Galicia Experiencias de Calidade e un espazo dedicado ás especialidades de Ourense e aos produtos de Nogueira de Ramuín. A décima edición se despedirá esta noite co concerto de folk rock de Bruxo Queiman ás 20.30 horas e a fin de festa coa Gramola ás 23.00 horas.
A organización agradece a colaboración do Concello de Nogueira de Ramuín, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Parador de Santo Estevo, Protección Civil, patrocinadores e, de forma moi especial, do voluntariado, sen o que esta carreira non sería posible.

Os podios da décima edición
