Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Das cinzas dos incendios de 2022 nace ‘Quereño Bike Trails’, unha oportunidade de turismo e desenvolvemento en Valdeorras

A inauguración será este sábado 17 de outubro a partir das 10 horas en Quereño (Rubiá)

 

O sábado 17 de outubro presentarase en Quereño (Rubiá) un proxecto de recuperación e dinamización do territorio que transforma un monte devastado polo lume nun novo espazo para o deporte, o turismo e o desenvolvemento rural. Unha iniciativa, impulsada polo club ciclista local zona360 e os veciños do pobo, que conta coa colaboración e o financiamento da Xunta de Montes de Quereño, o Concello de Rubiá e o GDR Valdeorras.

“A inauguración espertou unha enorme expectación e completou todas as prazas dispoñibles, 40, días antes da súa celebración”, din dende o club, explicando que a idea xurdía tralos incendios de hai catro anos.

 

 

Da desgraza á oportunidade

No verán de 2022, os terribles incendios forestais que arrasaron boa parte da comarca de Valdeorras deixaron tras de si unha paisaxe desoladora. Miles de hectáreas de monte quedaron reducidas a cinzas, provocando un enorme impacto ambiental, paisaxístico e emocional nos pobos afectados. Pero daquela desgraza tamén naceu unha pregunta, e se fósemos capaces de converter suceder nunha oportunidade para o futuro?

Con esa filosofía xorde Quereño Bike Trails, un proxecto que pretende “dar unha nova vida a parte dos montes afectados polos incendios, recuperando a súa utilidade social e converténdoos nun atractivo para o deporte, o turismo activo e a economía local”. O que comezou como unha idea para recuperar un territorio castigado polo lume é hoxe unha realidade que demostra como a colaboración entre veciños, entidades locais e institucións pode xerar novas oportunidades no medio rural.

 

 

Un proxecto do pobo e para o pobo

Os promotores da iniciativa explican que desde os seus primeiros pasos, Quereño Bike Trails desenvolveuse de acordo coa Xunta de Montes e coa implicación da xente do pobo, apostando por un modelo de aproveitamento do territorio compatible cos seus valores naturais, paisaxísticos e sociais.

“A construción dos circuítos, a cargo da empresa ourensá Bicitectura foi posible grazas ao financiamento da Xunta de montes de Quereño, o Concello de Rubiá e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Valdeorras, cuxo apoio resultou fundamental para transformar a iniciativa nunha infraestrutura deportiva e turística”, destacan, asegurando que o proxecto forma parte da filosofía do club local Zona360 Cycling, “unha iniciativa que aposta por posicionar a contorna de Quereño e Valdeorras como un destino de referencia para os amantes do ciclismo de montaña, aproveitando as extraordinarias posibilidades que ofrece o seu territorio”, con novos carreiros e circuítos concibidos para atraer a ciclistas e visitantes, fomentando unha actividade que pode contribuír directamente á economía de proximidade.

 

 

Turismo, economía circular e e futuro para o medio rural

Máis aló da súa vertente deportiva, Quereño Bike Trails nace cunha vocación clara, “converterse nunha ferramenta de dinamización rural”.

A chegada de deportistas e visitantes representa unha oportunidade para favorecer o consumo en establecementos de hostalería, aloxamentos, comercios e servizos da comarca, xerando unha actividade económica que pode beneficiar ao conxunto do territorio. “Trátase de apostar por unha economía circular e de proximidade, na que os recursos naturais e paisaxísticos convértanse en motores de desenvolvemento, mantendo o vínculo coa poboación local”.

Nunha comarca marcada polos incendios forestais, o despoboamento e os desafíos do medio rural, iniciativas como esta pretenden demostrar que é posible construír novas oportunidades a partir dos recursos propios. “Quereño Bike Trails non busca unicamente crear carreiros para bicicletas, senón contribuír a crear razóns para visitar, desfrutar e manter vivos os nosos pobos”.

 

 

Inauguración

O vindeiro sábado terá lugar a inauguración oficial de Quereño Bike Trails, nunha xornada concibida como un encontro entre deporte, natureza, institucións, veciños e afeccionados ao ciclismo. “A resposta á convocatoria superou as expectativas da organización, ata o punto de que foi necesario pechar anticipadamente o formulario de inscrición ao completarse todas as prazas dispoñibles”, din dende a organización.

A xornada contará cunha benvida con café para os participantes, presentación do proxecto e actividades vinculadas ao coñecemento e desfrute dos novos circuítos cun encontro final no que se ofrecerá unha consumición e un petisco aos asistentes rexistrados.

A recepción instiucional será ás 10 horas no Edificio de Usos Múltiples de Quereño (Rubiá) e, tras un café de benvida, terá lugar a presentación do proxecto. Ás 12 horas farase unha saída conxunta para percorrer e coñecer os primeiros sendeiros da Quereño Bike Trails, rematando no punto de partida cara ás 13:30 horas cunha petiscada.

Fotos cedidas.

Back to top button