
O Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos -entidade que xestiona o museo- promoven unha conferencia sobre a poetisa galega Filomena Dato en Compostela. Celebrarase mañá martes, 20 de outubro, na sede da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, a partir das 19:00 horas. Esta actividade realízase coa colaboración do Concello de Santiago.
Benigno Amor é o director do Museo Casa de la Troya e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos. Sinala que “con este acto queremos lembrar a figura desta escritora e a súa amizade con Alejandro Pérez Lugín, que alcumouna como `a poetisa das Mariñas´ e co que colaborou revisando as páxinas que ía escribindo para a súa novela “La Casa de la Troya”. Ademais, dos dous cúmprese este ano o centenario do seu falecemento, polo que desde a Asociación decidimos incorporar esta actividade na programación cultural do Museo Casa de la Troya como homenaxe”.
A conferencia impartiraa o investigador ourensán Fernando Román Alonso, autor da publicación “Filomena Dato: a poeta galega de entre séculos”. Desde a súa infancia estivo moi vencellado, a través da súa familia, a escritores galegos tan ilustres como Vicente Risco -parente da súa nai- ou Otero Pedrayo, entre outros. “Este ambiente literario fixo que me interesara por afondar na traxectoria de personalidades como a de Filomena. Un manuscrito orixinal da poetisa, que conservaba a súa afillada, foi o punto de partida para indagar na súa vida e na súa obra” -explica-.
A poetisa Filomena Dato Muruais (Ourense, 1856 – Bergondo, 1926) destacou polo seu labor social e cultural. Uniuse a movementos de reivindicación da cultura galega e de liberación da estigmatización da muller. Mantiña unha relación moi próxima coas súas coetáneas Sofía Casanova e Emilia Pardo Bazán, ademais doutros escritores como Curros Enríquez, Manuel Murguía, Miguel de Unamuno ou o propio Alejandro Pérez Lugín, ao que a unía unha fonda amizade.
A obra de Román Alonso recompila 63 poemas, dos que 45 foron publicados no libro Follatos da poetisa ourensá, 15 en xornais e 3 inéditos -Traducción, Sempre te vexo e Ciprianillo-. A publicación está ilustrada cos debuxos que no manuscrito orixinal fixo o irmán de Filomena, Xosé Dato. O autor salienta que Rosalía de Castro e Filomena Dato son as únicas escritoras galegas que teñen un libro editado en galego no século XIX. “Foi unha das poetisas máis premiadas no universo literario español da época” -asegura-.
Tal como lembra o autor, Filomenta Dato foi unha gran representante da lírica feminista do século XIX, nun contexto histórico no que o machismo era a ideoloxía dominante, mesmo entre os intelectuais. A reivindicación feminista e a defensa da muller está moi presente en Follatos (1891), o seu único libro en lingua galega, dedicado á infanta Isabel de
Borbón. Nesta recompilación de poemas fai unha denuncia contra os estereotipos de xénero, ademais de incluír unha serie de escritos sobre relixiosidade e intimismo.
A pesar da cegueira que foi adquirindo, seguiu dedicando toda a súa vida á literatura, practicamente ata o seu falecemento. Foi galardoada en varios certames literarios, en particular polo seu famoso poema Defensa das mulleres. En 1906 foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega.
Esta actividade enmárcase no programa “Outubro Troyano” do Museo, que inclúe varias propostas culturais ao longo deste mes, tanto en la Casa de la Troya como noutros puntos da cidade. Forma parte ademais da programación conmemorativa do centenario do falecemento de Alejandro Pérez Lugín.