
A Subdelegación do Goberno en Ourense, en colaboración co Concello, realizará unha sesión de “A Administración preto de ti” o vindeiro día 6 de novembro, a partir das 10 horas, na Sala Valente (antiga sede do Banco de España, na rúa do Paseo, 20).
Tal como explican, persoal da Oficina de Información e Rexistro da subdelegación expedirá ao público asistente certificados dixitais de persoas físicas, para que poidan telos instalado no seu teléfono móbil e coñecer as distintas xestións que poden realizar con el sen necesidade de desprazamentos. Ademais, resolveranlles as súas dúbidas de forma individualizada.
Esta actividade está aberta a toda a cidadanía en xeral, pero “especialmente dirixida a aquelas persoas estranxeiras que neste momento se atopan realizando trámites dentro do proceso extraordinario de regularización de persoas migrantes, para os que se precisa a identificación e sinatura electrónica”.
“A Administración preto de ti” é un servizo do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática que busca achegar a administración á cidadanía, co obxectivo fundamental de que “as persoas poidan realizar as distintas xestións administrativas de xeito rápido e sinxelo, sen ter que desprazarse”.
Esta iniciativa naceu en novembro de 2022 co obxectivo de achegar aos municipios de menos de 8.000 habitantes, que carecen de sedes físicas da Administración Xeral do Estado, os servizos desta. Dende outubro de 2024 ampliáronse os destinatarios do programa para incluír outros colectivos como estudantes, autónomos, persoas con discapacidade ou estranxeiras; e incluír tamén os concellos de maior poboación que por algunha causa específica solicitasen a realización desta iniciativa, como foi o caso do Concello de Ourense.
Inscrición previa
Para participar na sesión do 6 de novembro é precisa inscrición previa, ata as 14:00 horas do 3 de novembro, nos teléfonos 988 75 91 39 / 988 75 91 40 e no correo electrónico subdelegaciondelgobierno.ourense@correo.gob.es. As persoas asistentes deben portar ese día o DNI orixinal en vigor (no caso de españois) e tanto pasaporte como NIE (as persoas estranxeiras).
Visitas durante 2026
No que vai de ano, o programa “A Administración preto de ti”, que agora chega ao Concello de Ourense, levou a expedición de certificados dixitais a 15 concellos de menos de 8.000 habitantes desta provincia, sesións nas que se expediron aproximadamente 300 certificados. Ademais, realizáronse sesións con colectivos específicos (estranxeiros, persoas con discapacidade e estudantes), nas que se emitiron máis de
350 certificados, segundo os datos da subdelegación.