A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vai por diante das sete áreas sanitarias galegas coa maior cobertura de vacinación fronte á gripe de Galicia nas persoas de 60 e nas de 65 ou máis anos, cun 18,96 % e un 19%, respectivamente en ambos grupos e unhas 23.034 persoas vacinadas, segundo os datos do Observatorio de Saúde Pública que se actualizan semanalmente.
Por tramos de idade, a maior cobertura da provincia é a das persoas de 80 ou máis anos, co 43% das persoas xa vacinadas, un dos primeiros colectivos que atendeu a campaña. Seguidamente, cun 11,15 % as de 70 a 79, e cun 5,82 % as de 60 a 69. Unha progresión que reflicte o avance dunha campaña na que os distintos grupos se incorporan de xeito progresivo.
A campaña antigripal ten como obxectivo vacinar polo menos ao 75% das persoas de 60 ou máis anos. Ademais deste grupo, a campaña antigripal inclúe aos nenos e nenas de seis meses a 11 anos, ás persoas con condicións de risco, ás embarazadas e as mulleres ata seis meses despois do parto – que non se vacinasen durante o embarazo- así como aos residentes en centros de maiores e de discapacidade.
Incorporación progresiva de grupos diana
A vacina fronte a gripe tamén está indicada para o persoal dos centros sanitarios e sociosanitarios, incluindo os de prácticas; persoas coidadoras e conviventes de persoas maiores ou de risco e de menores de seis meses; persoal educativo de alumnado de ata 11 anos; persoal de servizos esenciais, como policías, bombeiros e protección civil; e persoas con exposición laboral directa a determinados animais.
No caso da Covid, a recomendación por idade diríxese ás persoas de 70 ou máis anos, ao redor de 76.800 na Área Sanitaria, ademais dos demais grupos para os que está indicada.
Prazo ata o 31 de decembro
A campaña comezou o 28 de setembro nas residencias de maiores e nos centros de persoas con discapacidade e prolongarase ata o 31 de decembro. O 13 de outubro incorporáronse a poboación infantil, as persoas inmobilizadas e os seus coidadores principais, as persoas con inmunosupresión e o persoal dos centros sanitarios públicos e privados; e desde o 19 de outubro, as persoas de 70 ou máis anos, mediante citación desde os centros de saúde.
A programación prevista continuará coa inclusión, o vindeiro luns 2 de novembro, as mulleres embarazadas ou no puerperio, así como as persoas menores de 70 anos con patoloxías de risco, que poderán solicitar directamente a vacina, mediante autocita.
A partir do 9 de novembro está prevista a citación da poboación de 60 a 69 anos. A apertura de cada fase mantén a vacinación dos grupos anteriores, de modo que as persoas que aínda non recibiron a vacina poden continuar accedendo a ela.
Unha das novidades deste ano é a ampliación da vacina antigripal reforzada ás persoas de 65 a 69 anos, de modo que se ofrece desde os 65, fronte aos 70 da campaña anterior. A vacinación busca reducir a gravidade e as complicacións destas infeccións respiratorias.