
A Ruta do Viño de Monterrei impulsa Lagares Wine Run, unha nova experiencia que combina deporte, patrimonio, enoturismo e gastronomía para poñer en valor a riqueza vitivinícola do territorio. A iniciativa celebrarase o vindeiro 6 de decembro en Oímbra, cun percorrido non competitivo polos seus lagares rupestres que permitirá ás persoas participantes descubrir a paisaxe, a tradición e os sabores da comarca dunha maneira diferente, correndo ou camiñando.
A iniciativa convida a descubrir a paisaxe e a tradición vitivinícola da Ruta do Viño de Monterrei a través dun percorrido non competitivo no que as persoas participantes poderán escoller entre correr ou camiñar. Ao longo do itinerario, diferentes paradas permitirán coñecer algúns dos lagares rupestres do municipio, degustar viños da Denominación de Orixe Monterrei e desfrutar de produtos gastronómicos vinculados ao territorio.
Os lagares rupestres, protagonistas do percorrido
O principal elemento diferencial da proposta serán os lagares rupestres, estruturas vinculadas á tradición de elaboración do viño que forman parte do patrimonio histórico do municipio.
O itinerario previsto incluirá paradas nas que as participantes poderán deter o paso para coñecer estes espazos, escoitar explicacións sobre o seu significado e degustar diferentes viños da D.O. Monterrei.
Cada estación ofrecerá unha experiencia diferente, combinando viños brancos e tintos con pequenas propostas gastronómicas nas que terán presenza produtos locais. A música tradicional acompañará parte do percorrido, con intervencións de gaiteiros en determinados puntos da ruta.
José Luis Prieto, de O Segredo do Retiro, protagonizará a experiencia gastronómica
Un dos principais atractivos de Lagares Wine Run será a participación do chef José Luis Prieto, responsable de O Segredo do Retiro, restaurante situado en Vilaza (Monterrei) e incluído na prestixiosa Guía Michelin.
Cunha traxectoria profesional que o levou a traballar en cociñas de Alemaña e Australia, Prieto desenvolve actualmente unha proposta gastronómica que combina técnicas contemporáneas coa tradición culinaria de Monterrei, cunha especial atención aos produtos de proximidade e de tempada.
Para esta primeira edición de Lagares Wine Run, o cociñeiro será o encargado de elaborar a proposta gastronómica que agardará ás persoas participantes ao remate do percorrido. Unha oportunidade para descubrir a súa interpretación da cociña do territorio nun formato diferente ao habitual, acompañada de viños da D.O. Monterrei.