
A Unidade de Ictus do Hospital Universitario de Ourense rexistraba 250 ingresos nos seus primeiros seis meses de actividade, segundo o balance deste dispositivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, que concentra a atención especializada aos pacientes que precisan vixilancia e tratamento nesta fase da enfermidade.
A unidade está a piques de cumplir o seu primeiro aniversario, xa que entrou en funcionamento o 1 de novembro de 2025, cunha dotación de seis camas monitorizadas, dous neurólogos, catro profesionais de enfermería e dous técnicos en coidados auxiliares de enfermería. A súa actividade apóiase nas gardas presenciais de Neuroloxía, que permiten dispoñer de atención especializada as 24 horas do día, durante todo o ano.
Das 250 persoas ingresadas na unidade neste período, 210 ingresaron directamente no Hospital Universitario, 17 foron derivadas desde o Hospital Público de Verín e 23 desde o Hospital Público de Valdeorras. A idade media dos pacientes atendidos neste semestre fíxase nos 72 anos, cunha maior porcentaxe de homes, o 59%, e o 41%, mulleres.
Estas cifras corresponden aos ingresos na unidade e non ao total de persoas atendidas por sospeita de ictus. A necesidade de hospitalización neste dispositivo valórase de forma individual, segundo o diagnóstico, a gravidade, a estabilidade clínica e os coidados e tratamentos que precisa cada paciente.
Tratamento urxente e recuperación
Durante estes seis meses activáronse 141 códigos ictus, o procedemento que permite coordinar os equipos de Urxencias, Neuroloxía, Radioloxía e Enfermería, coa participación de Neurorradioloxía Intervencionista cando foi necesaria.
Segundo explica a neuróloga Carmen Cid, responsable da unidade, 45 pacientes recibiron fibrinólise, un tratamento farmacolóxico destinado a disolver o coágulo en determinados ictus isquémicos, e 33 foron mediante trombectomía, unha técnica que permite extraer o trombo dunha arteria cerebral a través dun catéter. Neste último grupo, o 83% dos casos presentou un resultado favorable na proba de imaxe que comproba o restablecemento da circulación sanguínea.
A atención na unidade abrangue tamén o estudo das causas, a prevención de complicacións e de novos episodios, o inicio da recuperación funcional e a planificación dos coidados posteriores.
Entre as 246 persoas avaliadas ao recibir a alta coa escala de Rankin modificada —que mide o grao de discapacidade ou dependencia—, o 50,7% non presentaba síntomas ou tiña síntomas mínimos e o 63,7% mantivo a autonomía funcional para as actividades habituais, segundo o estudo de seguemento elaborado pola unidade de Ourense.

Recoñecer os síntomas e actuar canto antes
Con motivo do Día Mundial do Ictus, os profesionais lembran a importancia de recoñecer os sinais de alarma e chamar canto antes ao 061. De feito pese a importancia de actuar e recibir asistencia canto antes Carmen Cid advirte que aínda son moitos os pacientes que acoden tarde e que, nalgúns casos, chegan a consultar dúas semanas despois de producirse o episodio.
O ictus é unha alteración brusca da circulación cerebral, pode deberse á obstrución dun vaso sanguíneo —ictus isquémico— ou á súa rotura —ictus hemorráxico—. Constitúe unha emerxencia médica: canto máis se prolonga a falta de circulación, maior pode ser o dano cerebral, xa que algúns tratamentos só poden administrarse dentro dun período determinado desde o inicio dos síntomas.
Para facilitar o recoñecemento, o Sergas emprega a regra das tres F: fala, forza e faciana. Fala: Refírese á dificultade súbita para dicir palabras sinxelas. Forza: perda de forza que impide manter os dous brazos elevados á mesma altura. Faciana: signos moi habituáis que afectan a expresión do rostro, como a desviación da boca ao sorrir. Un deles ou os tres son sinais claras ante os que hai que actuar chamando de inmediato ao 061.
Tamén poden alertar dun ictus a perda súbita de visión, o adormecemento ou formigueo nun lado do corpo, a dificultade para comprender o que se di, unha dor de cabeza brusca de intensidade pouco habitual ou repentinos problemas de equilibrio e coordinación.
Non se debe esperar a que os síntomas desaparezan nin administrar medicación pola propia conta. Aínda que a persoa se recupere aos poucos minutos, precisa atención urxente. Ao contactar co 061, cómpre indicar cando comezaron os síntomas ou, se non se coñece ese momento, a última vez que se atopaba ben, para facilitar a valoración e activar a resposta asistencial axeitada.